Apenas comezan a rodar o balón, pero estes enormes -pese a súa corta idade- campións de Fútbol Sala na categoría «Biberón» veñen de proclamarse vencedores da Copa de Santiago e, anteriormente, tamén de Liga na Primeira Futgal co Milladoiro S.D. adestrado por Diego Cabrejo.
Un dobre campionato para os xoves xogadores que debutan na competición demostrando ser auténticos reis da pista, sempre baixo a dirección dun «Míster» tamén nas filas do mesmo club coma xogador xuvenil. Unha pequena familia que celebra o éxito e desfruta dos tempraneiros títulos que tanto ilusionan aos pequenos, pero tamén a un Diego Cabrejo que non podía iniciar de mellor xeito a súa traxectoria no banco de adestradores. Triunfal Milladoiro que baña as súas cores na prata dos campións, nunha tempada que ningún dos seus protagonistas esquecerá e que, tanto para Diego coma os estelares miúdos que adestra, é só o principio dun camiño no que parecen destinados a seguir brillando.