Ana Miranda: “Queremos levar directamente a voz de Galiza e a voz da Coruña, entre outras vilas, polo que contaremos coa concelleira do Bloque da Coruña, Avia Veira”.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, anunciou a coorganización dunhas xornadas de traballo en Bruxelas os vindeiros 11 e 12 de xuño sobre o acceso a vivenda en Galiza. A falta de vivenda asequible, os prezos do alugueiro, as vivendas de uso turístico serán algúns dos problemas que se abordarán nestes dous días no Parlamento Europeo.
A eurodeputada galega agradeceu o seu traballo ao BNG do Concello da Coruña, -con quen se reuniu esta mañá- polo seu traballo no recoñecemento deste problema da vivenda, que é o principal problema dos galegos e galegas. “Este é un tema prioritario para o BNG”, salientou Miranda, quen explicou que o BNG está desenvolvendo un amplo plan de traballo para trasladar a todos os parlamentos as realidades e as problemáticas que existen en cada cidade e en cada vila.
Neste sentido, Miranda sinalou que o Parlamento Europeo vén de crear, por primeira vez, unha comisión sobre vivenda asequible. Trátase dunha comisión que ten competencias para elaborar un informe final no que se trasladen as problemáticas que se producen nos distintos territorios e estados. “Nós queremos levar directamente a voz de Galiza e a voz da Coruña”, destacou a eurodeputada do Bloque, quen salientou que a concelleira Avia Veira será unha das relatoras nesta conferencia.
Problemática específica de Galiza
“A falta de vivenda asequible, que haxa vivendas baleiras e que a xente non poida acceder a esas vivendas nin para mercar nin para alugar, ten que chegar ao Parlamento Europeo da nosa man”, explicou Ana Miranda, quen sinalou que ademais da Coruña o resto de Galiza tamén terá voz nas xornadas do traballo dos vindeiros 11 e 12 de xuño, -como Vigo e Santiago-, así como representantes de outros territorios de Europa. A eurodeputada nacionalista criticou que os fondos europeos vaian directamente ás grandes cidades de máis de medio millón de habitantes, que non existen en Galiza. “Temos cidades máis pequenas pero con problemas semellantes ás das grandes, unha contorna rural, con falta de accesibilidade e a existencia de vivendas turísticas, así como a falta de políticas de vivenda por parte da Xunta”, apuntou, polo que defendeu que é imprescindible trasladar a Europa a problemática específica de Galiza.
Neste sentido, a concelleira do BNG Avia Veira, -quen participou no encontro xunto a Francisco Jorquera e Mercedes Queixas-, indicou que “parece que está descubrindo agora o PP que a Xunta de Galiza é a administración con competencias exclusivas en materia de vivenda”, polo que a concelleira do BNG instou a que tomen as rendas do problema da vivenda, porque o que están a facer “anuncios bluf”.
“Nós estamos exixíndolles que mobilicen o parque de vivendas baleiro, que prioricen o aluguer na construción de vivenda pública e, moi especialmente, que atendan ao problema da mocidade”, explicou Veira, quen fixo fincapé que o problema da vivenda é transversal polo que se está denunciando en todas as administracións nas que o BNG ten representación, tanto concellos, como Parlamento galego, Cortes e Parlamento Europeo.
“Vivir na Coruña é bonito, máis resulta imposible”, sinalou Avia Veira, precisamente polo problema de acceso á vivenda. Ao respecto sinalou que a compra de vivenda “está absolutamente imposible”, a vivenda protexida aumentou un 40% no último ano grazas as políticas do PP desde a Xunta de Galiza, e o aluguer sube moi por riba do IPC, o cal fai que o esforzo económico para os coruñeses e coruñesas “é misión imposible”.