O público heleno poderá asistir á sesión na que se proxectarán, e comentarán, filmes de Anxos Fazáns, Félix Brixel, Eloy Domínguez Serén e David Fidalgo.
Este mércores, a partir das 21 horas, en Atenas, falarase galego. O Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBUEU, é este ano a entidade responsable da sesión de proxeccións organizada na sede do Instituto Cervantes da cidade grega, ao abeiro do Festival de Cine Hispanófono. É a primeira das dúas citas internacionais do FICBUEU nos vindeiros días. O equipo do evento bueués tamén conseguiu levar este ano ao Adriatic Film Festival a película Frialdad.
O Festival de Cine Hispanófono de Atenas – FeCHA acada este ano a súa novena edición. Dura unha semana proxecta en diferentes sedes películas feitas en español en todo o mundo. Este ano, o seu público coñecerá, tamén, o cinema galego. Asistirán ás proxeccións dos filmes Habitar, de Anxos Fazáns; Ulises, de Félix Brixel; Rompente, de Eloy Domínguez Serén e Sandwich Cat, de David Fidalgo. O meañés Eloy Domínguez Serén (Simes, Meaño, 1985) e máis a co-directora do FICBUEU María Ruiz-Falcó Tejeda presentarán as proxeccións. A actividade forma parte do traballo do festival bueués para apoiar a difusión e a internacionalización do cinema galego.
Sobre as películas
Habitar, de Anxos Zafáns, é unha curta documental que formula unha interesante reflexión sobre a casa e o corpo como dous elementos esenciais e complementarios na construción da nosa identidade. Mereceu, na máis recente edición do FICBUEU, a de 2024, o premio á mellor curtametraxe galega.
En Ulises, Félix Brixel relega a palabra a un segundo plano e son as imaxes, especialmente coidadas e belas, as que nos amosan ao o estado anímico dos personaxes e nos envolven nunha poderosa e suxestiva atmosfera. Eloy Domínguez Serén móstranos en Rompente un dos oficios característicos da costa galega: o do percebeiro. David Fidalgo mestura na comedia animada Sandwich Cat o humor surrealista coa crítica social.
Cita en Italia
O día no que remata o Festival de Cine Hispanófono de Atenas – FeCHA, comeza no leste de Italia, na cidade adriática de Francavilla al Mar, ao sur de Pescara, o Adriatic Film Festival. O FICBUEU leva a esta cita, que promove o cinema independente, e en especial os formatos de curtametraxe e o documental, a película Frialdad, da directora catalá Andrea Sánchez.
A participación do FICBUEU no festival grego e mailo italiano suma novos fitos ás actividades desenvoltas en colaboración con diferentes festivais de Europa e España nos últimos meses.
En novembro pasado, o FICBUEU participou no Festival de Cine Español de Edimburgo (Escocia) e no de Lens Dans Festival en Barcelona. En Edimburgo proxectou Habitar, de Anxos Zafáns, e máis Frialdad. No Lens Dans Festival, o FICBUEU proxectou a curta A Room with a view, creada polo colectivo (LA) Horde en colaboración co Ballet National de Marseille e do músico Rone e que participara na Sección «Descubertas» do FICBUEU 2021.