O BNG denuncia o intento de intimidación da Demarcación de Estradas ante a campaña nacionalista reclamando o arranxo urxente da N-540

Rego: “Non se pode utilizar o poder da Administración para intentar impor o silencio. O BNG continuará a defender con firmeza os intereses da cidadanía galega.

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Congreso unha batería de iniciativas para exixir explicacións ao Goberno do Estadopola actuación da Demarcación de Estradas na Galiza, dependente do Ministerio de Transportes, tras a apertura dun expediente sancionatorio contra o BNG derivado do uso de dous valados publicitarios empregados na súa campaña para denunciar o estado de abandono da estrada N-540. A formación nacionalista considera que esta reacción constitúe un intento de veto político fronte a unha campaña lexítima e necesaria, que ten por obxectivo visibilizar a situación de degradación desta vía e esixir a súa reparación inmediata.

O BNG, recorda o deputado nacionalista, iniciou en abril unha nova acción de denuncia coa instalación de dous valados —un á saída de Chantada e outro preto da entrada a Lugo desde Ourense— como parte dunha campaña que daba continuidade a outras accións para reclamar a reparación inmediata da N-540.

Porén, poucas semanas despois do inicio da campaña, Demarcación de Estradas na Galiza remitiu unha comunicación previa ao inicio dun expediente sancionador, acusando o BNG da instalación física dos soportes sen autorización, cando estes levananos en funcionamento, xestionados por empresas publicitarias e utilizados por diversos anunciantes e mesmo outros partidos políticos.

“Por que decidiu neste momento a Demarcación de Estradas dirixirse á entidade anunciadora coma se fose a responsábel da instalación duns soportes que existen desde hai anos e foron utilizados con total normalidade?” cuestiona Rego.

O BNG considera que esta actuación responde a unha estratexia de silenciamento, máis que a un cumprimento estrito da legalidade. “Resulta evidente que se trata dun intento de veto a unha mensaxe incómoda para quen ten a responsabilidade de arranxar a estrada. Non houbo actuación ningunha durante anos, mais agora actúan cando os valados se usan para reclamar solucións á N-540 e diríxense a quen saben que non ten responsabilidade baixo ameaza de sanción” denuncia o deputado nacionalista.

A formación nacionalista reclama a anulación inmediata do expediente, ao non existir infracción administrativa ningunha, e pide explicacións sobre os criterios seguidos para iniciar estas actuacións nun momento tan oportuno como sospeitoso.

“O BNG pregunta se a Demarcación de Estradas actuou con intención de provocar a retirada da campaña por medios administrativos e se o Ministerio comparte esta forma de proceder ante unha demanda lexítima e socialmente xustificada” engade Rego.

Así mesmo, exixe que se investigue o proceso de apertura do expediente e que se depuren responsabilidades, ao tempo que reclaman que se acelere a reparación integral da N-540, sen agardar até o 2027 como se contempla actualmente. “Non se pode utilizar o poder da administración para intentar impor o silencio. O BNG vai continuar a defender con firmeza os intereses da cidadanía galega e reclamando que se poña fin á situación de abandono desta infraestrutura esencial” conclúe Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios