Quevedo anuncia un segundo concerto da xira ‘Buenas Noches Tour’ no Coliseum da Coruña

A cidade acollerá por partida dobre o novo espectáculo en formato 360º do canario cunha nova cita o sábado 27 de setembro; tras pendurar o cartel de «entradas esgotadas», con máis de dez mil billetes vendidos, para o venres 26.

Logo de esgotar máis de dez mil localidades do Coliseum da Coruña con máis de cinco meses de antelación, Quevedo anuncia unha nova data na cidade no marco da súa xira Buenas Noches Tour como resposta á extraordinaria demanda do seu público, que poderá gozar do seu novo espectáculo en formato 360º. As entradas para esta segunda cita estarán dispoñibles a partir das 15.00 horas deste mércores, 28 de maio, na plataforma en liña entradas.com.

Deste xeito, o Coliseum da Coruña acollerá o novo espectáculo do canario durante dúas noites consecutivas, nun evento que se perfila como unha das grandes citas musicais do ano no país, pois serán as únicas actuacións que faga este ano no noroeste peninsular. Este segundo directo, ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco do ciclo Concertos do Xacobeo, e coa colaboración do Concello da Coruña.

Buenas Noches Tour comezou o pasado mes de febreiro en Madrid, onde o artista canario esgotou as entradas do Movistar Arena tres días seguidos. Desta volta, Quevedo presenta un espectáculo único no que, a través dunha produción do máis alto nivel, o cantante consolida a súa madurez persoal e artística.

Pedro Luis Domínguez Quevedo, máis coñecido polo seu nome artístico, Quevedo, nace en Madrid o 7 de decembro de 2001. Con tan só 4 anos múdase a Gran Canaria, de onde é a meirande parte da súa familia e o lugar no que se sinte na súa casa. Así, o seu traballo vese influenciado pola cultura musical da illa, o hip-hop e os ritmos latinos, principalmente.

Buenas Noches é o seu esperado segundo álbum de estudio, un traballo discográfico que que amosa unha nova perspectiva vida e do mundo ao seu redor; e co cal o artista canario propón redefinir a escena internacional da música urbana en castelán. Cunha innovadora combinación de ritmos impactantes, letras magnéticas e o estilo inconfundible de Quevedo, este LP é, sen dúbida, un dos grandes discos do 2024.

‘BUENAS NOCHES TOUR’ NO COLISEUM DA CORUÑA

Venres 26 de setembro | Apertura de portas 20.30 horas (entradas esgotadas)

Sábado 27 de setembro | Apertura de portas 20.30 horas – entradas á venda desde hoxe, 28 de maio, ás 15.00 horas en entradas.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios