Ante esta situación, Katy Varela pregunta a Tomé se ao ter que devolver parte da axuda “os monfortinos imos a ter que asumir algún tipo de penalización ou recargo”, como poderían ser intereses polo préstamo dos cartos.
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte esixen a José Tomé que “diga a verdade” aos monfortinos xa que “o que anunciou como unha axuda de 10M€ é en realidade un préstamo”.
Así o explicou a voceira popular, Katy Varela, que explica que no pleno desta semana, a preguntas realizadas polos populares, o alcalde afirmou que “o Concello de Monforte terá que devolver unha parte dos 10M€ concedidos polo Goberno para renovar a rede de abastecemento de fibrocemento”.
Katy Varela sinala que “todos merecemos coñecer a verdade” polo que esixe ao alcalde que “informe publicamente de que cantidade hai que devolver, así como se haberá que afrontar algún tipo de recargo ou intereses por eses fondos”.
Ademais, o goberno local tamén debería de informar do estado no que se atopan os proxectos para renovar as tubaxes, así como dos prazos nos que se van a realizar as obras. “A realidade é que o alcalde dixo que en 6 anos estaría a rede renovada, pero a única realidade que vivimos os monfortinos é que practicamente a diario se suceden as roturas e os cortes no subministro no municipio”, sen esquecer que “hai zonas, como as parroquias do rural, que seguen agardando a contar con este servizo básico”.
“A opacidade é total neste eido e o que nos tememos, ao igual que todos os veciños de Monforte, é que no que queda de mandato non se renovará nin un metro de tubaxes porque a realidade é que cando remate o mandato Tomé levará 12 anos de alcalde e non fixo nada por renovar a rede nin solucionar os problemas”, sentenciou.