O PP lucense esixe ao Goberno de Sánchez que explique os investimentos e os prazos previstos para o reforzo da infraestrutura eléctrica.
O PP lucense incide en que “é imprescindible reforzar a rede de transporte e distribución eléctrica para a instalación de novas empresas e a ampliación das existentes no noso territorio”.
Así se manifesta o senador lucense e portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, que sostén que “o desenvolvemento da industria en Galicia e na nosa provincia depende de que as empresas teñen garantida a conexión á rede eléctrica”.
Nese sentido, os senadores populares por Lugo diríxense formalmente ao Goberno de Sánchez para esixirlle explicacións sobre “os investimentos previstos nesta materia e os prazos manexados polo Executivo para corrixir a situación que pon en risco investimentos millonarios. Non podemos permitir que o Goberno de Sánchez nos faga perder oportunidades”, puntualizou Barreiro.
“O Goberno galego está adoptando todas as medidas precisas para que eses investimentos sigan adiante en beneficio dos galegos e das galegas”; pero “é necesario que o Estado cumpra coa súa parte para atender as necesidades enerxéticas”, engadiu.
O senador lucense incide en que “o Goberno tamén ten que evitar que sucedan episodios coma o do apagamento do luns 28 de abril” e, ao respecto, condenou tamén que “Sánchez aínda non deu explicacións sobre os motivos. Todo parece indicar que o presidente do Goberno está máis preocupado por todos os asuntos que salpican ao seu Goberno que por atender as necesidades dos españois e velar polo futuro do noso país”.
Barreiro lembrou que “o apagamento tivo consecuencias especialmente importantes para unha industria estratéxica e moi importante para a provincia como é Alcoa, na Mariña. A factoría é altamente dependente da electricidade polo que “agardamos que as perdas ocasionadas polo apagamento e a incapacidade do Goberno de garantir a estabilidade do subministro eléctrico non condicionen o rearranque das cubas e o futuro inmediato da planta”.