As minis do Santo Domingo xogan na Estrada a Fase Final galega da súa categoría

Premio de fin de temporada para as nenas do Coruña Interiores Santo Domingo Betanzos.

Cita importante esta fin de semana para as categorías inferiores do Club Santo Domingo Betanzos. Tras unha extraordinaria temporada -histórica, a dicir do seu adestrador, Javier Codesido- o equipo alevín feminino dos betanceiros, o Coruña Interiores, viaxa á Estrada, a “capital do minibasquet galego”, para disputar a Fase Final da liga de Segunda División. As rapazas de Codesido e Alía Ortega, que chegan a este tramo final de temporada cun só partido perdido en todo o ano, mediranse ao Burela en cuartos de final o sábado ás 13.30h, nunha fase que contará, ademais, co colexio Santa María do Mar da Coruña, o Colexio Mariano de Vigo, o Cluny de Santiago de Compostela, o Vedruna de Ourense, o Xuven de Cambados e o Pontumio de Pontedeume. Suceda o que suceda, nada cambia a enorme éxito para unhas rapazas que están chamadas a dar moitas satisfaccións ao club betanceiro e a Betanzos no seu conxunto.

Semifinais da Copa Xunta de Galicia para os infantís do J. Caamaño Arquitecto

Pola súa parte (e nunha xornada en que descansan os equipos sub-22 e La Goleta, xa ascendido a Segunda, recibe a Redeiras de Moaña), os últimos equipos da canteira en competición afrontan esta fin de semana os seus novos cruzamentos de Copa. Así, se os infantís de Primeira División do J. Caamaño Arquitecto reciben ao Seis do Nadal de Vigo no primeiro partido de semifinais da Copa Xunta de Galicia (sábado 12h), os cadetes de Grelo, en xornada adiantada ao venres, buscan gañar o seu partido de cuartos da Copa Premium fronte a Maristas ( Polideportivo As Mariñas, 20.30h), mesmo rival que terán os júnior o sábado ás 16h.

En “canastra pequena”, os únicos en saír á pista á marxe das rapazas mini son os premini de 2015, que xogan contra Montrove no Agra o seu partido de cuartos de final.

Comparte éste artículo
No hay comentarios