A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado-Paradanta convoca á cidadanía a participar nunha nova manifestación este sábado, 31 de maio, ás 20:00 horas, en defensa dunha Atención Primaria digna. A marcha partirá da Praza de Abastos de Salvaterra de Miño e estará precedida por dúas caravanas reivindicativasque sairán desdeCoveloeA Cañiza, con destino final en Salvaterra para participar na manifestación.
A mobilización responde ao progresivo deterioro da sanidade pública nos concellos da comarca, cunha situación especialmente grave e precaria nos centros de saúde. A falta de profesionais médicos, os longos tempos de espera de ata un mes para acceder a unha cita co médico de familia ou pediatra e a redución de horarios son xa problemas habituais. Porén, a situación vese agravada nas últimas semanas no ámbito da atención pediátrica.
Concellos como Covelo, Mondariz e Mondariz Balneario, que comparten unha única praza de pediatría, levan meses cun servizo moi limitado de 3 días á semana ou directamente sen atención pediátrica. A baixa de maternidade da profesional encargada da área deixou novamente a praza sen cubrir, sen que, ata o momento, existan indicios de que a Xunta vaia repoñer a facultativa.
Neste tempo as crianzas de 0 a 3 anos non podían ser atendidas nos seus centros de saúde xa que á pediatra non se lle permite atender crianzas nesta franxa de idade estando embarazada. Nesta mesma situación estaba, e segue.
En A Caniza, a pediatra continúa traballando sen poder acollerse á súa baixa de maternidade para non deixar sen atención aos nenos e nenas maiores de 3 anos. Como medida de protesta, a veciñanza leva concentrándose cada luns no centro de saúde dende hai máis dun mes para esixir solucións inmediatas.
En Salvaterra, un centro de saúde que atende a máis de 10.000 persoas, só conta cun médico a xornada completa dos 5 que corresponden, outro profesional que atende apenas dúas horas e media, unha pediatra con igual redución horaria e urxencias que derivan ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Este centro tamén estivo meses sen pediatra.
Desde a Plataforma denuncian «a política de desmantelamento e privatización da sanidade pública por parte do Goberno do PP na Xunta de Galicia, especialmente grave na Atención Primaria. Esta política, que implica falta de recursos e profesionais, está a provocar un impacto directo na saúde da poboación debido á falta de atención en tempo e forma, especialmente entre os colectivos máis vulnerables: crianzas e persoas maiores.
A Plataforma fai un chamamento á participación masiva na manifestación deste sábado, lembrando que a defensa da sanidade pública é unha responsabilidade colectiva: «Seguiremos loitando, xunto cos veciños e veciñas, por unha Atención Primaria de calidade nos nosos concellos, especialmente para os nosos maiores e os nosos nenos e nenas. É un dereito que nos pertence e ímolo seguir defendendo, non o imos deixar perder», afirman.