Coñecémolo ben e, aínda así, o terror machista sempre atopa diferentes formas de arrepiarnos. De pintar de horror as nosas facianas incrédulas esta mañá, mentres chegaban as fatídicas novas do asasinato dunha nena de trece anos a mans do seu pai. Degolada na súa cama, incapaces de imaxinar eses espantosos últimos minutos de vida nos que quen debía protexela de todo mal, era quen arrebataba a súa inocente vida.
Hai sempre outras prioridades, case ninguén lembra ás doce mulleres asasinadas nestes primeiros cinco meses do ano e ao outro menor vítima tamén da violencia vicaria. Non se adican horas a analizar a causa nin a buscar solución, enfrascados en absurdos festivais e leas políticas que aínda que sexan burdas, van con elas. As mulleres que caen baixo a ira machista son uns segundos de caras circunspectas nos medios. Quizais trema algo a voz contando que un home acoitelaba a súa muller e, non conforme con iso, acabou por guindala desde o balcón coma un trasto vello. Foi hai tres días nunha vila de Cáceres e, igual que moitas outras, dela non sabemos nin o nome, só que tiña trinta e oito anos. Ela, como a nena de Bilbao, tampouco volverá ver un amencer nunca máis. Unha madrugada inhóspita e terrorífica á que sobrevive a nai, tal e como seguramente o verdugo quería, para que pase o resto da vida morrendo de dor pola filla ausente. O asasino, suicidado no cuarto de baño sabedor da misión cumprida. Un terror incesante, interminable e agónico que se esquece de contado ata a vindeira vítima. Só son mulleres ás que matan.