Máis de 3.600 estudantes realizarán os exames da PAU na Universidade da Coruña

A proba iniciarase o martes día 3 de xuño co exame de Lingua Castelá e rematará o xoves día 5 ás 13:00 horas.

Un total de 3639 estudantes realizarán desde o próximo martes día 3 de xuño, ata o xoves, día 5, as Probas de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (PAU) na Universidade da Coruña.No caso do Lerd da Coruña, son 2844 os alumnos e alumnas matriculados. Deles, un total de 2722 farán as súas probas en facultades e escolas da propia Universidade, e os 122 que corresponden ao estudantado dos centros de Cee e Zas, examinaranse no IES Agra de Raíces de Cee. O Campus de Ferrolacollerá a 795 aspirantes.

A xornada dará inicio ás 09:00 horas do martes 3 de xuño, cunha presentación na que o estudantado recibirá información do desenvolvemento das probas, para dar paso ao primeiro exame, que será o de Lingua Castelá, marcado para as 9:30 horas para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e ás 10:00 horas para o resto de persoas. O remate da PAU está previsto para o xoves día 5 ás 13:00 horas.

Na Coruña estarán habilitadas para estas probas un total de 6 facultades e escolas. No Campus de Elviña, serán a Facultade de Dereito, a ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, a Facultade de Informática e a Facultade de Economía e Empresa. No Campus da Zapateira, pola súa banda, haberá dúas localizacións, a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica e a Facultade de Filoloxía. No Campus de Ferrol, o alumnado distribuirase entre a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e a Facultade de Humanidades e Documentación.

En todas as localizacións estarán habilitadas comisións para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE). No caso do campus coruñés, unha adscrita á Facultade de Economía e Empresa e no de Ferrol outra á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.   

O vindeiro día 12 de xuño publicaranse na páxina web da CIUG as cualificacións provisionais das probas e as definitivas estarán o día 19. Toda a información de horarios e protocolos está recollida na web:https://ciug.gal/gal/abau.

A convocatoria extraordinaria, destinada ao alumnado que aprobase Bacharelato nas recuperacións ou suspendese a proba na convocatoria ordinaria, será entre o 1 e o 3 de xullo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios