Na XVI edición da Asemblea Euro-Latinoamerica (Eurolat), que estes días se celebra en Lima, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu o dereito dos pobos a decidir sobre os seus recursos. Subliñouno así no debate dun informe sobre os dereitos da natureza, ao que presentou unha emenda contra a instalación da macrocelulosa de Altri, que foi rexeitada pola alianza do PP coa extrema dereita e a abstención do PSOE.
“Sorpresa pola abstención do grupo socialista a esta emenda, poñéndose de perfil contra a macrocelulosa de Altri e contra a mobilización social que existe”, manifestou a eurodeputada galega a respecto da votación, ao tempo que criticou a alianza do PP coa extrema dereita. “Foi moi sorprendente que o Partido Socialista que tanto predica que está en contra de Altri veña a unha asemblea internacional e se absteña nunha emenda presentada por Verdes-ALE e The Left, na que moitos deputados da parte Latinoamericana votaron a favor da nosa emenda”, explicou ao respecto, quen tamén sinalou que o voto do PP e a extrema dereita “era previsible”.
Na súa intervención na Asemblea, Ana Miranda salientou o dereito dos agricultores, dos mariñeiros e das mariscadoras a defender a súa terra, ao tempo que amosaba un cartel de “Altri Non”. Neste sentido explicou que “Altri Non” é o símbolo das máis de 100.000 persoas que se están manifestando en Galiza en contra da instalación da macrocelulosa contaminante en Palas de Rei, con sucesivas mobilizacións en diferentes puntos do país.
Non ao espolio
“Tamén quero falar da persecución aos defensores e defensoras medioambientais, con leis que van en contra de moitos dos Estados membros, tanto aquí en América Latina como en Europa”, sinalou a eurodeputada do BNG na súa intervención. “Non ao espolio dos nosos recursos, nin en Galiza nin en América Latina”, recalcou.
A Asemblea Parlamentaria Euro-Latinoamericana (EuroLat) é unha Asemblea Parlamentar multilateral, composta por 150 membros. Deles 75 proceden do Parlamento Europeo, entre os que se atopa o BNG en representación do grupo parlamentar Verdes-Alianza Libre Europea do que forma parte a forza galega, Os 75 restantes proceden da parte latinoamericana, incluídos Parlatino (Parlamento Latinoamericano), Parlandino (Parlamento Andino), Parlacen (Parlamento Centroamericano) e Parlasur (Parlamento del Mercosur). Ademais, dada a existencia de comisións parlamentarias mixtas UE/México e UE/Chile, os Congresos mexicano e chileno tamén están representados en EuroLat.