A Real Academia Galega abre hoxe mércores en Lugo as xornadas sobre a invención da tradición

A nova edición do Arde Lucus comeza o vindeiro 12 de xuño, pero a reflexión arredor desta cita arrinca mañá mesmo. A Sección de Historia da Real Academia Galega abrirá este mércores 4 de xuño co caso da celebración que rememora o pasado romano de Lugo as xornadas A invención da tradición, unha proposta aberta a todo o público na que se afondará no que motiva a aparición desta e outras festas que teñen en común a reconstrución de feitos históricos máis ou menos remotos, no proceso social e cultural que as explica o no asentamento e a relevancia que teñen para a proxección da historia no espazo público.

O Museo Provincial de Lugo acollerá a partir das 17:30 horas a primeira mesa redonda, centrada no Arde Lucus e mais na Festa da Istoria. Sobre a celebración da localidade anfitrioa falará o historiador lugués José Carlos Sánchez Pardo, profesor da Universidade de Vigo, e da celebración de Ribadavia encargarase o especialista en historia medieval Anselmo López Carreira. O académico fonsagradino Pegerto Saavedra moderará o encontro, de entrada libre e que poderá seguirse tamén en directo en academia.gal.

O ciclo continuará o mércores 11 de xuño na Casa Galega da Cultura de Vigo (17:30 horas), co catedrático da Universidade de Vigo Luis Míguez e o xornalista, profesor da USC e divulgador Manuel Gago. Míguez afondará no caso da festa da Reconquista de Vigo e Gago ofrecerá unha intervención sobre a Romaría Vikinga de Catoira. Todas as sesións son de entrada libre e poderán seguirse tamén en directo en academia.gal.

As xornadas A invención da tradición toman prestado o seu nome da expresión popularizada polos historiadores Eric Hobsbawn e Terence Ranger na obra homónima, editada por primeira vez en 1983 e convertida nun clásico. Os estudosos británicos sinalan nestas páxinas o interese específico que teñen para os historiadores as tradicións inventadas, que «normalmente intentan conectarse cun pasado histórico». É o caso das catro festas das que se falará nas dúas mesas redondas que organiza a Sección de Historia da Academia co propósito de achegar a súa especialidade a un público amplo.

«A historia é algo máis ca un asunto erudito que se fai nos arquivos e nas bibliotecas. Tamén pode estar na rúa, e incluso pode ser transformada popularmente, non sempre de forma rigorosa, pero esta non é a cuestión que nos importa nestas xornadas», apunta o coordinador do programa e director da Sección de Historia, o académico Ramón Villares. «O que nos interesa é interrogarnos sobre como é vista e resignificada a historia na actualidade. Preocuparnos por estas festas que apelan a unha tradición, pero que non son tradicionais, é tamén unha forma de educar, de chamar a atención sobre o feito de que a historia serve para entender non só o presente, senón o futuro a través do pasado», engade.

A Real Academia Galega organiza as xornadas A invención da tradición coa colaboración do Museo Provincial e a Rede Museística Provincial de Lugo, o Concello de Vigo, a Fundación Penzol, a Deputación de Lugo, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Comparte éste artículo
No hay comentarios