O PP de Láncara denuncia que “o Concello quede outro ano máis sen brigada municipal contra incendios” e condena “a falta de previsión do goberno local en materia de desbroce, limpeza e adecuación das marxes das vías municipais e as propias áreas verdes de competencia municipal”.
Os concelleiros populares condenan as palabras do alcalde tras afirmar no último pleno que “non vale a pena para rozar 4 camiños forestais”. Os populares non só afean o argumento do rexedor socialista, senón que advirten dos beneficios das brigadas municipais contra incendios financiadas pola Xunta: permiten non só crear postos de emprego, senón tamén desenvolver tarefas de prevención como a roza en camiños ou zonas de risco e de loita contra incendios forestais.
A portavoz do PP de Láncara, Olga Capón, incide en que “ter o pobo coidado é básico, pero o goberno local non o está a facer”. De feito, hai estradas municipais das parroquias da montaña que levan dous anos sen rozar e está sen rozar tamén a área de descanso na estrada da Puebla a Muro que xa non se rozara o ano pasado. Este é un dos casos nos que podería actuar a brigada municipal. “É unha zona de risco que se sitúa na entrada ao monte común da Puebla, preto dun cemiterio e do punto limpo e ao lado dunha vía provincial”, explica.
A popular esixe “desbroces en tempo e forma” para dispoñer das vías limpas e as áreas recreativas en boas condicións para o verán á vista da “falta de planificación” do goberno local. Outro exemplo desta falta de planificación son as actuacións enmarcadas no obradoiro de emprego porque no paseo da vía están sen rematar e empezan agora na área recreativa do río Neira na Puebla: “a 15 días do verán, en obras na zona de baño”.
Así mesmo, a voceira do PP afea que “o alcalde intente presumir de maquinaria” cando a realidade é que “hai parroquias nas que o ano pasado non se desbrozaron as marxes das estradas”.
Capón reivindica o traballo do Grupo Municipal Popular porque “estamos a dar voz ao que piden os veciños” e que, na maioría dos casos, “o alcalde non atende e se suman ás súas promesas incumpridas” e, noutros, “cando nos fai caso recoñecendo que son necesidades dos veciños, non da solucións inmediatas”.
O ALCALDE NÉGASE A FACILITAR INFORMACIÓN Á OPOSICIÓN
Os concelleiros do PP teñen solicitado o inventario de maquinaria de titularidade municipal, así coma información sobre os traballadores dos que dispón o Concello para cada tarefa sen que o rexedor socialista nos responda. Tampouco deu resposta á petición formal do Grupo Municipal Popular dun local para a súa actividade “ao que temos dereito”, segundo puntualiza Capón. A voceira cre que o motivo polo que “non nos concede o local” é “porque debe ter medo a que nos reunamos cos veciños”.