Antonio Ameijide indícalle a José Tomé que 2si se preocupase máis de cumprir a lei, traballar e manter o legado que herdou na Deputación, os lucenses aforraríamos moitos cartos en sancións, indemnizacións e varapaus xudiciais”.
A Deputación de Lugo terá que afrontar o pago decase 60.000€ despois de que o xulgado contencioso-administrativo número 1 de Lugo ratificase que o goberno provincial deberá pagar dúas sancións, unha de 53.000€ e outra de 6.001€, polo derrubamento da Casa da Botica (Guitiriz) en 2021.
Uns feitos que veñen derivados do incumprimento do deber de conservación e que se orixinan por “executar sen respectar o condicionado establecido no informe respecto das actuacións de emerxencia emitido no seu día pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”.
A sanción é do 11 xaneiro de 2024 “e dende esa data, tanto PSOE como BNG buscaron enredar para non pagar”.
A sanción está motivada no incumprimento dos artigos:
– 130.a “danos irreparables en bens de intereses cultural ou catalogado e incumprimento do deber de conservación previsto no artigo 32”
– 130.d “a realización de calquera intervención nun ben declarado de interese cultural ou catalogado ou no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento sen autorización previa da consellería”
Antonio Ameijide sinala que cando a Deputación tivo coñecemento da sanción, o 8 de febreiro de 2023 o presidente presentou un escrito solicitando acceso e copia do expediente, informándose o 14 de febreiro de 2023 a data na que se poderá acceder a toda a documentación (17 de febreiro).
“Tralo acceso ao expediente dende a Deputación de Lugo non se presentaron alegación”, recordou Ameijide.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, afirma que PSOE e BNG terán que afrontar o pago destas sancións, impostas pola Consellería de Cultura en setembro de 2024 xa que a demolición da Casa da Botica non se executou correctamente. “A realidade é que a Deputación de Lugo buscou escusas en lugar de asumir as consecuencias dos seus actos e xudicializaron unha sanción que se aplicou correctamente como agora avala a xustiza”, explicou.
Antonio Ameijide sinala que segundo se recolle no auto, PSOE e BNG “deben de pagar de inmediato” a sanción imposta pola Xunta “e non poden demorar o pago, tal e como buscaron co recurso ante a xustiza”.
O voceiro popular lamenta que “José Tomé, o PSOE e o BNG seguen a crer que están por enriba da lei” e sempre “buscan a forma de sortear a legalidade sen asumir as consecuencias das súas decisións, tal e como se reflicte nesta sentenza xudicial”.
O voceiro provincial popular esixe “traballo” a PSOE e BNG para que “en lugar de buscar escusas, traballen para cumprir os compromisos asinados” e “axilicen os traballos de construción da residencia de Guitiriz”, un servizo moi demandado pola veciñanza.
“Seguramente non teríamos que falar do pago destas sancións á Deputación de Lugo se PSOE e BNG cumprisen a tempo o seu compromiso de construír un centro de atención a maiores en Guitiriz, ademais de cumprir a lexislación no referente ao derrubamento da Casa da Botica, espazo que debe de albergar a futura residencia”, sentenciou.