Rueda desexa a Marta Villaverde un labor que destaque polo “diálogo coa xente do mar e a capacidade de xestión”

Destaca o seu traballo de todos estes anos en distintos postos do Goberno galego.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu esta mañá no Pazo de Raxoi á toma de posesión de Marta Villaverde como conselleira do Mar. Na súa intervención, Rueda deu a benvida a Marta Villaverde ao cargo da responsabilidade “dunha consellería fundamental para a Xunta de Galicia”: “Benvida a un labor que ten que continuar con normalidade, con intensidade e con responsabilidade”, apuntou.

Neste sentido, o presidente desexou sorte á nova conselleira, manifestando o apoio de todo o seu Goberno: “Un éxito individual dunha consellería é un éxito colectivo de todas. Incorpórasche a un grupo onde poderás comprobar isto”, salientou. O presidente desexou a Villaverde que leve a cabo a súa responsabilidade con “un liderado sereno, un diálogo coa xente do Mar, capacidade de xestión e visión de futuro”. Rueda reiterou o seu apoio en todos estes retos que ten por diante.

O presidente tamén louvou o traballo da nova conselleira na Xunta de Galicia, que xa “coñece perfectamente a casa”. Marta Villaverde foi desde abril de 2024 directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Previamente fora subdirectora xeral de Pesca e Mercados da Pesca, e subdirectora xeral de Valorización dos Produtos do Mar. A maior parte da súa carreira profesional está vinculada ao sector primario galego.

Ademais, o presidente da Xunta agradeceu o traballo e dedicación do anterior conselleiro, Alfonso Villares, e desexou a pronta resolución da súa situación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios