Besteiro: “Rueda deixa sen voz a Galicia na Conferencia de Presidentes e rexeita un acordo en vivenda por estratexia política”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe que o presidente da Xunta acudise á Conferencia de Presidentes «sen unha soa proposta concreta para Galicia, sen espírito de acordo e coa única intención de cumprir co guión do Partido Popular». “Rueda foi a Barcelona a exercer como delegado de Feijóo, non como presidente dos galegos”, sinalou.

Besteiro lamentou que o máximo responsable da Xunta «renunciase a defender os intereses de Galicia nun espazo pensado para chegar a acordos que beneficien á cidadanía». “É difícil avanzar cando un presidente prefire falar de eleccións anticipadas que de vivenda, sanidade ou financiamento autonómico. A Conferencia de Presidentes non é un mitin do PP, é un espazo institucional que Rueda despreza cada vez que vai”, engadiu.

O PSdeG sinala que o propio Rueda recoñeceu que podía apoiar, “con matices”, a proposta estatal en materia de vivenda. Porén, finalmente decidiu sumarse ao rexeitamento colectivo dos presidentes do PP, impedindo un acordo que podería beneficiar a milleiros de galegos e galegas. “Se un presidente admite que pode estar de acordo cunha medida útil, pero rexéitaa por estratexia de partido, está antepoñendo os intereses do PP aos de Galicia”, advertiu Besteiro.

Sobre o financiamento autonómico, o líder socialista considera que a proposta de forzar un decreto lei sobre as entregas a conta é “un intento de crear un conflito inexistente”. “O Goberno pode facer esa actualización por Consello de Ministros, como xa fixo outras veces. Só busca xerar ruído”, dixo.

O secretario xeral do PSdeG lamentou  que Alfonso Rueda desaproveitara unha nova ocasión para poñer os intereses de Galicia por riba da estratexia do seu partido. “Cando outros presidentes autonómicos van a construír, Rueda vai a bloquear. Galicia non pode seguir perdendo oportunidades pola falta de altura política do seu presidente”, rematou Besteiro.

Comparte éste artículo
1 comentario