Conde incide en que “os investimentos do Ministerio demostran que Lugo segue e seguirá nunha situación de precariedade”; xa que “en ningún caso permitirán a conexión do AVE coa provincia de Lugo que só sería posible coa execución das variantes de Os Peares-Canabal e Rubián”.
A presidenta provincial e voceira municipal, Elena Candia, e os deputados no Congreso Francisco Conde e Jaime De Olano amosaron a súa preocupación ante “a situación de precariedade dos servizos ferroviarios da provincia” e condenaron “o constante castigo de Sánchez á provincia” coa complicidade do PSOE lucense e o do BNG que “continúa apoiando ao Goberno”.
Ante a “eliminación de frecuencias entre Lugo e Madrid e a suspensión dos servizos ferroviarios na provincia”, o PP lucense esixe explicacións ao Goberno de Sánchez. Así, os deputados veñen de dirixir formalmente preguntas ao Goberno de España dende o Congreso sobre “os últimos e contraditorios anuncios de Renfe” sobre os servizos que conectarán Lugo, Sarria e Monforte de Lemos con Madrid a partir do vindeiro luns 9 de xuño e os “reiterados incumprimentos de ADIF sobre os prazos para a recuperación da circulación” na liña entre Ourense e Lugo tralas obras de rehabilitación.
Concretamente, agardan resposta oficial do Executivo sobre os motivos da eliminación da frecuencia do primeiro tren dos domingos nos traxectos desde Madrid a Monforte de Lemos e a suspensión parcial de servizos na liña Ourense-Monforte-Sarria-Lugo e a previsión para a súa recuperación.
Conde advirte que, cos novos horarios, “non se recupera ningunha conexión de primeira hora nos traxectos entre Lugo e Madrid (en ambos sentidos) e adiántase a frecuencia da última do día”, o que supón que “un viaxeiro que faga ida e volta no mesmo día só poderá estar 4 horas en Madrid”. Ademais, “o enlace do último tren do día terase que facer en bus desde o 9 de xuño con Monforte e Sarria mentres duren as obras e, no caso de Lugo, tamén se realizará en bus ata que se repare o tren avariado a semana pasada”.
SERVIZOS FERROVIARIOS PRECARIOS
O deputado lucense do Partido Popular engade, en relación ás obras de electrificación da liña, que “só permiten manter unha frecuencia directa con Madrid, tendo que recorrer a enlaces nas outras tres conexións”.
As obras “tampouco permitiron recuperar máis frecuencias, todo o contrario: reducíronse e, adicionalmente, aumentaron os tempos en 70 minutos”. E “despois de 8 anos do inicio das actuacións, no 2017, aínda hoxe non é posible utilizar a totalidade dos servizos ferroviarios existentes antes do comezo das obras”.
Francisco Conde incide en que “os investimentos do Ministerio de Transportes demostran que Lugo segue e seguirá nunha situación de precariedade”; xa que “en ningún caso permitirán a conexión do AVE coa provincia de Lugo que só sería posible coa execución das variantes de Os Peares-Canabal e Rubián”.