Tras a dimisión do conselleiro Alfonso Villares, por unha investigación por agresión sexual, en Movemento Sumar Galicia consideran que “temos dereito a un goberno que esté á altura”. E consideran que a “actitude” do presidente Alfonso Rueda sería “todo o contrario”.
Verónica Barbero, portavoz do grupo parlamentario no Congreso, faise eco nun vídeo en redes sociais das noticias que sinalan que Rueda coñecería desde febreiro a denuncia por agresión sexual contra o entón conselleiro do Mar. Denuncia que “catro meses despois, non tomara ningunha medida”.
Denuncia ademais que o propio Conselleiro, nunha declaración pública, dixo que todo formaba parte da súa “vida privada”.
Segundo Barbero, “non hai vida privada cando se ocupa un cargo público de primeiro nivel. E moito menos cando se trata dunha agresión sexual. As institucións teñen que ser exemplo, non refuxio.”
Considera que durante o acto de onte de nomeamento da nova Conselleira do Mar, se veu unha “escea impropia: abrazos, sorrisos, compadreo co presunto agresor. Todo, diante das cámaras”.
Continúa engadindo que “é unha auténtica performance de branqueo, de desprezo cara á vítima e cara a todas as mulleres que loitan cada día contra as violencias machistas”, denuncia.
Na organización laborista cren que “o PP está a rirse, restar importancia, protexer e negar a violencia”.
Movemento Sumar Galicia esixe así unha rectificación ao Presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Considera Barbero que debe pedir perdón. “O Conselleiro tiña que ter sido cesado cando soubo da denuncia, en febreiro. E pedir perdón polo acto de onte, que agrede a todas as víctimas”.
Rematou asegurando que de non facelo, non estaría á altura da institución porque “quen non defende ás vítimas, non é digno de ser presidente das galegas e galegos”.