Os infantís de J.Caamaño xogan en Vigo, os júnior na Coruña e os Grelo cadete na casa.
Últimos suspiros desta temporada 24/25 para o Club Santo Domingo Betanzos, con tan só 5 equipos en competición esta fin de semana. Os conxuntos sub22 volven xogar tras unha xornada de descanso (o feminino contra Traumacor Culleredo e Arxil na pista do primeiro; o masculino contra Seis do Nadal) aínda que os pratos fortes da xornada pasan polos partidos de Copa dos infantís, cadetes e júnior masculino.
Polo que toca aos infantís de Primeira División de J. Caamaño Arquitecto, os rapaces de Toni Seijo, Alberto Caamaño e Carlos Martínez viaxan a Vigo para defender os 7 puntos de vantaxe do primeiro partido de semifinais da Copa Xunta de Galicia contra Seis do Nadal Coia, nun encontro, a celebrar o sábado ás 16h en Navia, que se promete bastante competido a xulgar polo que se viu en Betanzos.
No que respecta aos júnior de Diego Folla e María Vázquez, a cita na Copa Premium será a un único partido na pista do Liceo La Paz 2007 o sábado ás 20h e o vencedor xogará o domingo a final contra o gañador do Campus Xuncas Cambre-Montrove Azul dese mesmo día. O Grelo cadete de Will Pereiro e Sergio Gómez , que compite en idéntico formato, verase as caras co Míguez y Fandiño Asesores Cambre na semifinal do sábado ás 12h no Municipal de Betanzos e, de conseguir a vitoria, ao vencedor do Basquet Coruña U15- Golfiños Sada na final do domingo.
En canastra pequena, o Santo Domingo xoga en Carballo o Torneo 3X3 da Deputación da Coruña en categoría minibasquet, medíndose, na xornada do sábado a Deleite Baloncesto Branco, Club Deportivo Los Rosales e Baloncesto Cambre Negro en partidos de ida e volta en horarios de mañá e tarde. A competición autoriza equipos mixtos e, por parte betanceira acudirá un conxunto integrado por 3 alevíns e 1 benxamín, posto que a representación feminina está comprometida polo acto de entrega de medallas como campioas da Coruña de minibasquet.