Lugo acolle o festival de ADEGA: 50 anos de ecoloxismo co apoio de máis de 20 entidades

Arranca en Lugo o festival «ADEGA, 50 anos coidando a Terra», unha xornada para celebrar o 50 aniversario da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza. Aberta a toda a cidadanía, esta cita do ecoloxismo galego combina música, feira ecolóxica e de colectivos, mesas redondas, actividades para todas as idades e concertos ata a madrugada, con Loita Amada (23:30h) como punto final. Ao longo de todo o día, o Pazo de Feiras e Congresos e o parque do río Miño acollerán esta festa do ecoloxismo que congrega diversidade de proxectos e colectivos compañeiros de loitas. 

O acto de apertura celebrouse ás 11:30h, coa intervención do secretario xeral de ADEGA, Froilán Pallín, acompañado pola concelleira de Participación, Cristina López, e o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas. De parte da Deputación de Lugo, acudirá na xornada de tarde a deputada de Cultura, Iria Castro. Tamén estiveron presentes representantes de numerosos colectivos cos que ADEGA comparte causas e loitas ecoloxistas, e aos que agradeceu fondamente a súa compaña nesta xornada de festa e reivindicación.

Froilán Pallín, secretario xeral de ADEGA, fixo un repaso por todas as loitas nas que a asociación estivo presente, desde As Encrobas, o Prestige ou a Foxa Atlántica ata as protestas de hoxe, contra Altri e a mina de Touro-O Pino. «Seguiremos loitando sempre. Sentímonos tremendamente orgullosas de celebrar 50 anos na defensa da terra, e han de ser moitos máis: non sobran motivos para seguir na loita ecoloxista. Hoxe é día de reflexión e, sobre todo, de estarmos contentas e de celebrar», asegurou Pallín. ADEGA quere así compartir este aniversario con toda a cidadanía e celebrar a histórica loita colectiva por unha Galiza máis xusta e sustentable.

Todos os colectivos que abriron o acto canda ADEGA

Federación Ecoloxista Galega (FEG), Confederación Intersindical Galega (CIG), Federación Rural Galega (FRUGA), Sindicato Labrego Galego (SLG), Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), Asociación para a Defensa da Ría (APDR), Plataforma Ulloa Viva, Asociación Mariña Patrimonio, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, A Montaña plántase, Comunidade de montes de Saldanxe, da Pastoriza, e da plataforma eólicos así non no Alto Miño, Asociación de Veciños de Vilalvite, Asociación Alarma Terra de Montes, Colectivo do Vento, Asociación Fonte Seca (A Baña), veciñanza de Treos-Vimianzo afectada polo P.E. Patiñeiro, Lugo non quere cheiros, Amil sen Eólicos, Asociación Roxín Roxal, Rede do Rural e Nova Escola Galega, e a Plataforma en Defensa dos Ancares. 
 

Unha xornada para festexar a defensa da terra!

A música será protagonista durante toda a xornada, con concertos que irán desde a mañá ata a madrugada. O cartel, pensado para toda a familia, inclúe actuacións variadas: o Proxecto Troupelear, de Branca Villares e Pablo Pintor (12:00h, parque do río Miño), Axeigo (que amenizará a romaría desde as 13:30h), Uxía Lambona e a Banda Molona (17:00h), Caivanca (19:00h), Catro nun zoco (20:30h), Filophóbicas (22:00h) e Loita Amada (23:30h), que poñerá o broche final á celebración.

Ademais, a sala Río Miño do Pazo de Feiras será o espazo para a reflexión ecoloxista, con dúas mesas redondas e a estrea do documental A terra por gañar, que percorre a historia de ADEGA desde a súa fundación en 1974. Durante todo o día estará aberta a feira con máis de 30 postos de produtos do agro, ecolóxicos, artesanía e colectivos, no interior do Pazo de Feiras. Tamén haberá un encontro solar no parque do río Miño durante a mañá, para coñecer as posibilidades de cociñar coa enerxía do sol sen combustibles fósiles.

As crianzas terán espazo propio con xogos tradicionais a cargo de XOTRAMU e as actuacións do Proxecto Troupelear e de Uxía Lambona e a Banda Molona. 

Este festival conta coa colaboración das áreas de Medio Rural, do Mar e Mocidade, e de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, así como da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Programa completo

Pazo de Feiras e Congresos e Parque do Río Miño – Sábado, 7 de xuño

  • 11:00h* – Apertura da feira de produtos do agro, de artesanía e asociacións (Pazo de Feiras)
  • 11:00h** – Encontro solar (Parque do río Miño)
  • 11:30h – Presentación e proxección do documental «A terra por gañar» (Sala Río Miño. Pazo de Feiras)
  • 12:00 h* – Xogos tradicionais a cargo de Xotramu (Parque do río Miño)
  • 12:00h – Actuación Proxecto Troupelear(Branca Villares e Pablo Pintor)(Parque dorío Miño)
  • 12:30 h -Mesa redonda «ADEGA, 50 anos coidando a Terra» (Sala Río Miño. Pazo de Feiras)
  • 13:30h – Actuación Axeigo (Parque do río Miño)
  • 14:30h – Romaría (Parque do río Miño)
  • 16:30h – Mesa redonda «A loita continúa: as principais ameazas de hoxe» (Sala Río Miño. Pazo de Feiras)
  • 17:00h – Concerto Uxía Lambona e a Banda Molona (Pazo de Feiras)
  • 19:00h – Concerto Caivanca (Parque do río Miño)
  • 20:30h – Concerto Catro nun zoco (Pazo de Feiras)
  • 22:00h – Concerto Filophóbicas (Pazo de Feiras)
  • 23:30h – Concerto Loita Amada (Pazo de Feiras)
Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios