Os infantís de J.Caamaño salvan average en Vigo e xogarán a final da Copa Xunta de Galicia.
Fin de semana agridoce para o Santo Domingo Betanzos. A carón das derrotas dos equipos sub22 fronte a rivais netamente superiores, nomeadamente os femininos (Culleredo e Arxil), os compromisos de copa da canteira saldáronse con meritorias vitorias en semifinais dos cadetes de Grelo e dos júnior, e derrotas nas finais do domingo, en partidos condicionados polas baixas, fronte a Basquet Coruña e Cambre.
Porén, nada quita que ambas as dúas medallas de prata deban ser valoradas coma auténticos premios nunha temporada marcada polas baixas e a limitación das plantillas, que no primeiro caso, o dos cadetes de primeiro ano, está galonada, ademais, pola disputa da fase de ascenso a Primeira División o xaneiro pasado.
Pola súa parte, nun partido con polémicas arbitrais incluídas, onde o adestrador do Santo acabou expulsado do pavillón por dúas técnicas, os infantís do J. Caamaño Arquitecto de Primeira División sacaron adiante a eliminatoria de semifinais da Copa Xunta de Galicia pese a perder por 62-57 fronte ao Seis do Nadal Coia en Vigo, facendo valer o 82-75 de hai unha semana en Betanzos, nuns minutos finais, de infarto, en que se logrou contrarrestar un 56-45 a falta de menos de dous minutos, con varias boas defensas e dous tiros libres encestados a falta de medio segundo para o remate.
No que toca ás rapazas do mini, dirixidas por Javier Codesido e Alía Ortega, o sábado foi momento para recoñecementos. Así, nunha multitudinaria cerimonia celebrada no Agra, o Coruña Interiores recibiu a súa copa coma campión da Coruña, distinción que se suma ao seu terceiro posto na Segunda División galega da categoría.