A Facultade de Economía e Empresa da UDC organiza unha xornada divulgativa para dar a coñecer os seus másters oficiais

As titulacións que serán presentadas son a de Banca e Finanzas, Contabilidade Superior e Auditoría de Contas, Economía Dirección e Administración de Empresas e Economía Circular.

A Facultade de Economía e Empresa (FEE) da Universidade da Coruña (UDC) organiza o vindeiro xoves 12 de xuño ás 12:00 horas, no Salón de Graos do centro (Campus de Elviña), unha xornada de difusión dos seus másters oficiais, aberta a todas aquelas persoas interesadas en continuar a súa formación universitaria.

Trátase dunha oportunidade especialmente pensada para persoas egresadas e tituladas de grao que estean valorando a posibilidade de especializarse nun ámbito determinado das ciencias económicas, financeiras ou empresariais, ampliando así as súas opcións de desenvolvemento profesional. Durante a sesión, darase a coñecer a oferta de másters oficiais da Facultade, co obxectivo de proporcionar toda a información necesaria para orientar decisións formativas estratéxicas no ámbito da economía e a empresa.

Os másters que se presentarán na xornada son:

Máster Universitario en Banca e Finanzas (MUBF)

Título acreditado pola CNMV e polo Banco de España para asesorar en materia de investimento e en materia de contratos de crédito inmobiliario. Este máster ten como obxectivo que o estudantado adquira os coñecementos e as competencias necesarias para se desenvolver profesionalmente na dirección financeira de empresas, banca e intermediación financeira, e actividades profesionais relacionadas con produtos e/ou riscos financeiros.

Máster Universitario en Contabilidade Superior e Auditoría de Contas (MUCSAC)

Único Máster Oficial de Contabilidade e Auditoría en Galiza coa dobre vertente de Experto Contable e Auditor. Trátase dunha titulación impartida por profesionais expertos en cada materia, con ata 750 horas de prácticas nas mellores empresas do sector.

Máster Universitario en Dirección e Administración de Empresas (MUDAE)

Este Máster ten recoñecida Mención de Excelencia da Xunta de Galicia.Está dirixido a quen queira formar parte dun equipo multidisciplinar para traballar nun proxecto de negocio real. Entre as particularidades máis salientables da titulación, destacan a utilización da metodoloxía learning by doing, a avaliación por competencias de traballo en equipo, a posibilidade de realización de talleres con persoal directivo e o uso da tecnoloxía de simulación de negocios. Ademais, ofrece a posiblidade de acollerse a un programa de internacionalización coa Rennes Business School.

Máster Universitario en Economía (MUE)

Trátase dun máster interuniversitario, impartido conxuntamente polas universidades tres universidades públicas galegas (UDC, USC e UVigo), en modalidade presencial con docencia rotativa (en liña) entre as tres universidades. Ofrece unha formación sólida, rigorosa e moderna en teoría económica, econometría e análise cuantitativa; unha formación académica de excelencia con especialización en análise económica, economía e sociedade, finanzas e economía pública. O MUE conta cun equipo de profesorado altamente cualificado e investigador con proxección internacional e ofrece aos seus titulados e tituladas a posibilidade de continuar con estudos de doutoramento.

Máster Universitario en Economía Circular (MUEC)

Mestrado interuniversitario orientado á formación en actividades vinculadas á Economía Circular en organizacións públicas e privadas. Está dirixido a estudantes graduados das ciencias sociais, ciencias, enxeñaría e arquitectura; a quen se lles ofrece unha formación multidisciplinar, con docencia impartida por un equipo docente especializado das tres universidades públicas galegas. Ademais, este título posibilita o contacto co tecido produtivo galego e con profesionais de prestixio neste ámbito, e inclúe visitas guiadas a empresas e institucións que aplican os principios da ecnomía circular.

Esta xornada de difusión constitúe unha excelente ocasión para coñecer de primeira man a diversidade, calidade e especialización dos programas de máster da Facultade de Economía e Empresa da UDC, todos eles adaptados á realidade profesional actual e aos perfís máis demandados no mercado laboral.

Máis información sobre os cincos másters oficiais da FEE da UDC aquí.

Comparte éste artículo
No hay comentarios