O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron na presentación da iniciativa enmarcada na colaboración do Goberno galego coa Federación Galega de Comercio.
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe en Ourense na presentación da campaña Merca no teu comercio, posta en marcha pola Xunta e a Federación Galega de Comercio para estimular a demanda e poñer en valor o comercio de proximidade, especialmente nos municipios rurais galegos e nos barrios sen asociación comercial. No acto tamén estiveron presentes o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez.
A iniciativa desenvolverase nas 4 provincias galegas con 10 campañas en cada unha delas, cunha duración de 15 días e rematando cunha entrega de premios. As accións de dinamización realizaranse entre o 15 de xuño e o 31 de outubro —ambos incluídos- e enmárcanse no convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación e dinamización do sector.
Nesta edición, os consumidores de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra que queiran participar na iniciativa deberán rexistrar a súa compra a través da páxina web www.mercanoteucomercio.com. Tamén poderá ser rexistrada polo comerciante a través da mesma plataforma, duplicando deste xeito a participación do consumidor e incrementando as posibilidades de gañar unha das 20 tarxetas prepago por valor de 50 euros que sortearánse en cada unha das campañas. Estas tarxetas poden ser canxeadas nos comercios minoristas das respectivas localidades ata o 31 de decembro deste ano.
Durante a presentación da campaña, o director xeral salientou que esta edición ten como novidade a estensión máis aló das grandes cidades e ademais contará con actos de entrega de premios en 40 localidades diferentes, chegando a máis de 60 asociacións de comerciantes e beneficiando os veciños e negocios de 80 municipios. Tamén resaltou a importancia de accións coma esta para impulsar a actividade comercial e asegurar o mantemento dos negocios promovendo a remuda xeracional.