Arroxo insta á Xunta a actuar con urxencia tras o derrubamento do teito no CEIP As Mercedes

Rubén Arroxo: “Este tipo de situacións son consecuencia de pagar comidas para amigos e non facer investimentos nos colexios dependentes da Xunta”.

O Tenente de Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, amosou esta mañá a súa «fonda preocupación» tras o derrubamento dun tramo do teito no CEIP As Mercedes. A incidencia, producida fóra do horario lectivo, non causou danos persoais, mais volve poñer sobre a mesa o deterioro das infraestruturas educativas na cidade.

«Queremos amosar a nosa preocupación polo estado no que se atopa o CEIP das Mercedes», afirmou Arroxo, quen destacou que «nas últimas horas produciuse un derrubamento parcial dun teito, un feito que pon de 
manifesto o mal estado das instalacións».

O Tenente Alcalde lembrou que «desde o Concello de Lugo levamos anos reclamando á Xunta de Galiza un plan de mantemento e rehabilitación dos centros educativos da cidade, que son da súa competencia», e advertiu que «este tipo de situacións son consecuencia directa da falta de investimentos en materia educativa por parte da administración, que prefire pagar comidas para amigos».

Arroxo sinalou ademais que a maior parte dos centros escolares da cidade presentan un grave déficit en materia de accesibilidade, o que supón unha barreira para o alumnado e profesorado con mobilidade reducida. «A Xunta mantén sen adaptar moitos destes espazos, e nin sequera acomete melloras tan básicas como a actualización dos baños para ser plenamente seguros, accesibles e inclusivos», indicou.

O Tenente de Alcalde foi contundente á hora de esixir unha resposta inmediata: «É preciso actuar con urxencia para garantir a seguridade do alumnado e do persoal docente. Non se pode seguir permitindo que os centros educativos públicos sufran este tipo de deterioros que poñan en perigo ás persoas usuarias».

Desde a área de Educación, o goberno municipal comprométese a seguir traballando para que a Xunta asuma as súas obrigas e actúe con axilidade ante calquera situación que poida comprometer a seguridade e da comunidade educativa. «Imos seguir esixindo unha solución inmediata e definitiva», concluíu Arroxo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios