O PP esixe a PSOE e BNG que dean acceso ao Plan Parcial que encargaron para Paradai e que se negan a facer público

Antonio Ameijide explica que o pasado 3 de xullo se pediu acceso ao expediente completo do plan e “José Tomé unicamente entregou a factura e os honorarios cobrados pola arquitecta á que lle encargaron realizar este documento urbanístico”.

“A falta de transparencia segue a ser a folla de ruta de José Tomé, PSOE e BNG á fronte do goberno da Deputación de Lugo”. Así de contundente se amosa o voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, tras ver como socialistas e nacionalistas negan acceso ao documento do plan parcial que encargaron para desenvolver urbanisticamente Paradai.

Antonio Ameijide explica que “dende o Partido Popular solicitamos o pasado día 3 de xuño acceso ao expediente completo porque queremos saber que queren facer e onde o queren facer dende o goberno da Deputación de Lugo” pero a realidade é que “onte en lugar de facilitar o acceso ao plan urbanístico, unicamente entregaron a factura presentada pola arquitecta á que lle encargaron a realización do Plan Parcial para desenvolver esta zona da cidade”.

O voceiro popular sinala que “unicamente queremos ver é o Plan Parcial, os planos realizados para saber cantas vivendas queren construír nesta zona e, sobre todo, en que localización se situarán” porque “esa é a gran preocupación dos veciños do entorno e do Partido Popular”.

Neste senso, Ameijide recorda que o Paseo do Rato é unha realidade grazas ao que o impulsou un goberno do Partido Popular á fronte da Deputación de Lugo polo que “non entendemos que teñen que ocultar PSOE e BNG”.

Unha situación na que “José Tomé, Efrén Castro e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, están a ocultar á cidadanía sobre o que queren facer aquí e deberían de dicir publicamente algo tan sinxelo como explicar aos lucenses e aos veciñosdo entorno, en concreto, onde queren construír PSOE e BNG vivendas neste entorno”.

INQUEDANZA ENTRE OS VECIÑOS

O Paseo do Rato é unha realidade grazas a un goberno do PP na Deputación de Lugo, como xa recordou Antonio Ameijide en varias ocasións, “un pulmón verde na cidade que dende hai moitos anos todos os lucenses disfrutamos”.

“Dende o Partido Popular sempre defendemos a creación de zonas verdes para a veciñanza e predicamos co exemplo e a realidade agora é que PSOE e BNG non crearon nin un metro máis nas últimas dúas décadas e os veciños están preocupados porque ven como se pode perder unha parte importante do Paseo do Rato”, explicou.

Dende o PP “seguiremos ao carón dos veciños en todo o que precisen, defendendo as súas reivindicacións e agora é o momento de que PSOE e BNG digan publicamente en que zona queren impulsar o desenvolvemento urbanístico desta zona verde da cidade e cantas vivendas queren construír”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios