Ana Miranda: “As propostas que traemos a Bruxelas desde o BNG van contra a especulación e a falta de vivenda”

O BNG coorganizou unha conferencia sobre o acceso á vivenda digna e asequible que contou cunha ampla delegación galega.

 ”No BNG, hai un ano, nas eleccións europeas, dixemos que a vivenda é unha prioridade para nós e por iso quixemos organizar esta conferencia”, salientou a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, nas xornadas de traballo sobre o acceso á vivenda digna e asequible coorganizadas polo Bloque no Parlamento Europeo, e a Alianza Libre Europea.

“As propostas que traemos a Bruxelas desde Galiza van contra a especulación e a falta de vivenda, que afecta sobre todo ás traballadores e traballadoras, as familias monoparentais e ao estudantado”, subliñou Ana Miranda na súa intervención. Neste sentido, explicou con cifras a cantidade que destinan ás familias galegas á vivenda e apuntou que a maioría das familias galegas invisten máis do 40% na súa vivenda en propiedade e máis do 60% na de aluguer. 

Voces dos problemas reais

A eurodeputada galega salientou que a participación da delegación galega nas xornadas de traballo significa ter en Bruxelas “as voces dos problemas reais”, como a falta de vivenda asequible e digna, os prezos do alugueiro ou as vivendas de uso turístico, xa que precisamente os problemas do acceso á vivenda é un dos temas que máis preocupan aos galegos e as galegas.

Na súa intervención, a concelleira do BNG da Coruña, Avia Veira, manifestou que a política de vivenda e os plan de vivenda da Xunta “non responden á realidade concreta do que pasa en Galiza”. A respecto da situación na cidade da Coruña denunciou, entre outras cousas, a suba dun 30% do prezo dos alugueiros desde 2021, mentres que os prezos para a compra xa se duplicaron.

Considerou que entre as causas desta situación destacan, sobre todo, a falta de aposta pola vivenda pública, pero tamén o uso turístico dos pisos. “Estamos nunha situación insostible”, manifestou.

“Se o territorio non ten servizos non temos vivenda”, salientou pola súa banda a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, quen puxo de manifesto o impulso á construción que se levou a cabo no ano 2006, pero sen planificación. “Non estamos asentando poboación e porque ese movemento de construción de vivenda non foi acompañado pola implantación de servizos”, criticou.

Por outro lado alertou do excesivo número de pisos de uso turístico, que afecta de forma notable á poboación local, “no sentido de que hai inmobles, pero non vivendas. Atopámonos como estranxeiros na nosa propia casa”. Ademais, Ermidasinalou que o uso dos pisos turístico pon enriba da mesa a cuestión do financiamento dos concellos debido a súa poboación flotante”.

Iago Lestegas, concelleiro de Urbanismo de Santiago de Compostela, explicou as liñas de actuación que está levando a cabo o goberno do BNG na capital de Galiza. Así, entre as medidas adoptadas polo concello santiagués destacan o intenso traballo para priorizar a rehabilitación, a dotación de vivenda pública en alugueiro e a posta en uso do parque residencial existente, así como a preparación da declaración de zona de mercado tensionado.  

Ademais, Iago Lestagas referiuse tamén as consecuencias que ten para a cidade dos pisos turísticos, así como a actuación sobre a parcela do antigo Peleteiro, que pertencía a SAREB. Ao respecto, no pleno de febreiro o Concello santiaguésaprobou a modificación do Plan xeral que afecta esta parcela, de xeito que será posible construír máis de 160 vivendas no denominado do Ensanche cun 45% delas, cando menos, protexidas.

Na delegación galega tamén participaron a alcaldesa de Cangas do Morrazo, Araceli Gestido; o responsable da Comisión de Vivenda da Executiva do BNG, Xurxo Rodríguez; o concelleiro da Área de planificación do territorio de Pontevedra, Alberto Oubiña; o vicepresidente da deputación de Lugo e concelleiro en Sarria, Efrén Castro; os portavoces municipais de Ourense e Ferrol, Luis Seara e Iván Rivas; as concelleiras de Vigo e Ames, Ana Martínez Veira, e Escarlata Pampín; o concelleiro en Sanxenxo, Fran Leiro; e a responsable comarcal de Lugo Sur, Rosana Prieto.

Comparte éste artículo
No hay comentarios