Medio Rural reforza a formación e actualización dos programas sanitarios nas asociacións de defensa sanitaria gandeira de vacún

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou hoxe na apertura desta xornada que se está a celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, inaugurou hoxe a xornada Formación e actualización dos programas sanitarios nas Asociacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) de vacún, que se está a celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón). Con esta xornada refórzase o traballo que realizan estas entidades no desenvolvemento dos programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais, así como na súa participación na rede galega de epidemiovixilancia. 

Esta xornada, que terá unha continuación no mesmo centro o día 19, aborda cuestións como os aspectos fundamentais, ferramentas de diagnóstico, seguimento e monitorización das enfermidades controladas polas ADSG; a cualificación das explotacións fronte ás enfermidades; os grupos de mostraxe e envíos ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lasapaga); as resistencias antrimicrobianas e o uso racional dos antibióticos; e a voluntariedade do veterinario de explotación e ás obrigas de vixilancia do titular da explotación.

O director xeral puxo en valor o traballo das ADSG e lembrou que este mesmo ano, a Consellería do Medio Rural destinou máis de 2 millóns de euros a axudas para este tipo de entidades. En concreto, subvenciónanse os programas de planificación zoosanitaria que se desenvolvan entre o 1 de marzo de 2025 e o 28 de febreiro de 2026, xa que reforzan as condicións hixiénicas das explotacións e de benestar animal, elevan o seu nivel produtivo e sanitario e contribúen a acadar un mellor status sanitario para a cabana gandeira galega.

Asemade, tal e como destacou o director xeral, estas agrupacións tamén facilitan o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, ao benestar e á sanidade animal. Mediante estas achegas, preténdese avanzar na integración de gandeiros nestas entidades, establecendo axudas proporcionais ao esforzo económico que realizan estas agrupacións nos devanditos programas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios