Baixo o lema ‘Pode saír caro’ repartiranse 10.000 portabolsas e 5.000 botellas para facilitar que as persoas propietarias de cans non ensucien as rúas.
O Goberno de Inés Rey está decidido a loitar contra a presenza de excrementos de cans nas rúas da Coruña con dúas armas complementarias: a concienciación cidadá e a aplicación rigorosa das sancións que figuran na Ordenanza de Protección e Tenencia de Animais.
«Na cidade temos 32.000 cans e non todos os seus propietarios cumplen coas obrigacións recollidas na ordenanza con respecto ás deposicións dos cans», explica a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira. «Unha minoría non as recolle nin as deposita nos contedores de orgánico, que é a forma correcta de facelo, e un número aínda maior non utiliza a botella de auga que hai que levar para diluír as miccións», agregou Neira, quen lembrou que a ordenanza se modificou precisamente para incluír esta última obrigación. Con Neira presentou tamén a campaña a concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz.
A partir do luns 16 e baixo o lema ‘Pode saír caro’ o Concello pon en marcha unha campaña informativa na que advirte de que as sancións por non recoller as deposicións dos cans poden ser de 500 euros e ir aumentando ata os 30.000 se o infractor é reincidente.
«Desde o Goberno de Inés Rey queremos trasladar precisamente o custe de non cumprir a ordenanza: supón un esforzo de limpeza por parte do Concello, que calculamos en 360.000 euros ao ano; é daniño medioambientalmente porque os excrementos dos cans supoñen un risco de salubridade e provoca conflitos de convivencia cidadá. Por todas esas razóns, debe custarlle caro aos infractores», sinalou Neira.
Pola súa banda, a concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, lembrou que aínda que «a campaña faise para concienciar, o Concello está disposto a aplicar as sancións na súa franxa máis alta».
«Imos estar moi vixiantes e haberá unha acción coordinada entre a Policía Local e os inspectores de Medio Ambiente, que percorrerán as zonas nas que detectamos máis incumprimentos e poderán chamar aos axentes para identificar os infractores», destacou Paz.
A campaña comezará o vindeiro luns 16 de xuño coa repartición de 10.000 dispensadores de bolsas e 5.000 botellas. Tamén se repartirán folletos informativos e haberá mensaxes nos medios de comunicación e redes sociais.
As reparticións realizaranse en dúas franxas horarias, que son as máis habituais para o paseo das mascotas: de 8:00 a 11.00 horas e de 19:00 a 22:00 horas.
Puntos de repartición:
Barrios
- Xardíns de Méndez Núñez
- Rúa Barcelona e arredores
- Praza de Pontevedra
- Barrio das Flores (zona rúa Violetas xunto a área canina)
- Os Rosais (Praza Elíptica)
- A Gaiteira
- Catro Camiños
- Paseo marítimo (Coraza)
- Palavea (contorna Alcampo)
- Castrillón (zona centro cívico)
- Praza de España
- Parque de Vioño
- Sagrada Familia (Praza San Rosendo)
- Parque de Oza
- Matogrande (zona Eroski)
- Praza de San Cristóbal
Áreas caninas e zonas de esparexemento
- Parque de Eirís
- Parque Europa
- Parque de Santa Margarita
- Parque de Bens
- Novo Mesoiro