O PP de Pol denuncia que mentres Lino Rodríguez “só mira para o campo de fútbol” os veciños “están fartos” de pagar reparacións dos coches que danan nas abandonadas pistas municipais

Nicole Grueira recorda como “xa defendemos” no pleno varias iniciativas para que o Concello de Pol se preocupase de verdade por realizar o mantemento da rede viaria municipal, “pero Lino Rodríguez sempre votou en contra”

O PP de Pol pon de manifesto que os veciños “xa están fartos” de ter que asumir o coste das reparacións dos danos producidos nos seus coches polo “lamentable estado de conservación” no que se atopan as pistas e camiños municipais.

A voceira popular, Nicole Grueira, esixe a Lino Rodríguez que “se preocupe” por cumprir coas súas obrigas como alcalde que, entre outras funcións, está manter en bo estado a rede viaria municipal “algo que non está a cumprir”.

“Basta xa de dilapidar miles de euros todos os meses no campo de fútbol mentres os veciños teñen serios problemas para poder desprazarse polo municipio”, lamentou, e engade que “non é a primeira vez que realizamos esta denuncia, pero nos gustaría que fose a última porque ademais do gasto que teñen que afrontar todos os veciños en reparacións non podemos esquecer que a seguridade é inexistente ao circular polas vías municipais”.

Nicole Grueira recorda como “xa defendemos” no pleno varias iniciativas para que o Concello de Pol se preocupase de verdade por realizar o mantemento da rede viaria municipal, “pero Lino Rodríguez sempre votou en contra”.

O deterioro das vías municipais supón un “notable prexuízo para os veciños que as empregan na súa vida diaria e que dificultan a mobilidade para tractores, camións, turismos, transporte escolar ou servizos médicos, entre outros”. 

Ante esta situación, os concelleiros do PP esixen a “reparación das estradas, incluíndo a limpeza das cunetas e a corrección de calquera outro problema que poida afectar á circulación segura dos veciños”. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios