A UDC organiza un encontro aberto sobre o impacto da Intelixencia Artificial no emprego e a competitividade nas empresas

A xornada contará con expertos da universidade, representantes institucionais e axentes sociais e económicos.

A Universidade da Coruña, no marco da iniciativa UDC Conecta, e o Consello Económico e Social de Galicia, organizanunha xornada aberta dirixida a empresas, entidades e persoas interesadas en coñecer de primeira man o impacto presente e futuro da Intelixencia Artificial (IA) na sociedade, no emprego e na competitividade empresarial. O evento desenvolverase entre as 9:45 e as 14:15 horas do vindeiro luns, día 16 de xuño, no Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC e contará coa participación de expertos e expertas da UDC, así como representantes institucionais e de axentes sociais e económicos.

A sesión iniciarase ás 9:45 horas coa benvida institucional a cargo de Ángel Fernández Castro, vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica da UDC, e Manuel Pérez Álvarez, presidente do Consello Económico e Social.

Ás 10:00 horas terá lugar a conferencia inaugural “A Intelixencia Artificial: entre o mito e a realidade”, a cargo da catedrática da UDC e investigadora do CITIC, Amparo Alonso Betanzos. A continuación, Zeltia Lado Lago, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta de Galicia, ofrecerá unrelatorio sobre a aplicación da IA aos servizos públicos de emprego.

A xornada inclúe así mesmo dúas mesas de debate. A primeira, ás 10:45 horas, abordará o impacto da IA no emprego e contará coa participación de Zeltia Lado Lago; Ana María Aba Catoira, profesora titular da UDC; representantes da CIG, UGT e CCOO; así como de José Antonio Neira Cortés, secretario Xeral da Confederación de Empresarios de Galicia.

A segunda mesa terá lugar ás 12:30 horas e estará centrada nas aplicacións da IA para impulsar a competitividade e a sustentabilidade de empresas e administracións. Nela participarán Jerónimo Puertas Agudo, vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC; Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC; Carlos J. Escudero Cascón, adxunto TIC da UDC; Bertha Guijarro Berdiñas, profesora titular da UDC e investigadora do CITIC; e Javier Martínez Torres, profesor da Universidade de Vigo e conselleiro de Possible Incorporated, S.L. 

O acto será clausurado ás 13:45 horas polo reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad. Ao remate da sesión celebrarase un espazo de networking. A asistencia é libre ata completar aforo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios