O BNG de Muxía insta ao Goberno municipal a facer as xestions precisas para desbrozar vías e areas recreativas e que se arranxen os accesos ás praias

Entrando xa no verán, de novo as vías sen desbrozar e o estado de áreas recreativas e accesos a areais en mal estado no concello de Muxía. O BNG cre que non se pode retrasar máis a aprobación dun plan de limpeza.

En 2024 o BNG de Muxía denunciara o estado de abandono dos areais do concello explicando que a situación causaba entre a veciñanza, hostalaría e visitantes asombro e indignación. Daquela aprobara modificacións de crédito para que se executaran rozas e limpeza (198.000 €), un plan de desbroce de vías (30.000 €) e outro de limpeza de praias (20.000 €). Sen embargo, en agosto tivo que denunciar que as áreas recreativas e areais seguían cheas de lixo e con equipamentos perigosos para os usuarios.

Pois ben, a piques de chegar ao verán de 2025, o BNG ten que denunciar de novo que este ano tampouco se estea a levar a cabo aínda un plan sistemático de roza das estradas municipais, nas que a broza supón incluso un perigo para a circulación por restar visibilidade en vías xa estreitas. Tamén que os viais de acceso ás praias –como os de Area Maior e Borreiros nos Muiños, os de Lourido ou a pista de acceso á praia da Barreira, en Leis- estean en condicións deplorables sen que se acometeran aínda traballos para repoñer o firme.

Hai áreas recreativas e outros elementos patrimoniais do concello como fontes e lavadoiros sen limpar desde hai anos. Por exemplo, na área recreativa de Leis, explican, non se ven nin as mesas e apenas o muro debido á altura da broza. A pesar de que en Leis hai tamén establecementos hostaleiros e afluencia de visitantes ás praias, non parece que se lembren deste lugar, di a veciñanza.

Piden que se reclame a Costas un adecuado mantemento das pasarelas dos areais; o arranxo, reposición ou retirada de equipamentos en mal estado (pasarelas con táboas soltas, esbaradizas, con desniveis que dificultan o acceso aos areais ou con varandas que non están ben fixadas) e que acometan rozas (tanto de vías como de espazos recreativos) e arranxos de accesos con urxencia.

Desde o BNG indícase que se mantiveron xa varias conversacións ao respecto co alcalde para urxirlle a acometer os traballos canto antes. Como voceira do BNG, Mercé Barrientos manifestoulle á alcaldía a súa disposición a votar favorablemente a unha proposta para poder afrontar canto antes un plan de limpeza e roza das vías e insta ao goberno municipal a levar esas proposta canto antes a pleno. Se retrasan esta medida o único que van conseguir –di a portavoz, Merce Barrientos- é que pase o mesmo que o ano pasado e a mediados de verán estean as cousas sen facer.

O BNG leva todo o mandato insistindo aos diferentes gobernos municipais na necesidade de facer labores de mantemento periódicas dos bens municipais e de que se acometan estas tarefas coa previsión suficiente para por en valor un patrimonio natural, paisaxístico extraordinario como o que temos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios