ADEGA lanza unha campaña de doazóns para frear o proxecto eólico Pena do Pico nos Ancares

A asociación ecoloxista ADEGA lanza unha nova campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos para recorrer no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o polígono eólico Pena do Pico, proxectado nos concellos lucenses de Baralla e Becerreá. A organización precisa reunir un total de 7.300 fondos solidarios para cubrir os custos derivados da presentación do recurso de alzada no organismo correspondente e do recurso contencioso-administrativo no TSXG contra a autorización administrativa previa e de construción deste proxecto eólico, ademais da elaboración do informe técnico ambiental e da solicitude de paralización cautelar das obras.

O polígono eólico Pena do Pico está promovido por Greenalia e contempla a instalación de 2 aeroxeradores de 180 metros de altura nunha zona catalogada como de «máxima sensibilidade» segundo a zonificación ambiental para enerxías renovables definida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, con importantes prexuízos sobre hábitats e especies protexidas e sobre o patrimonio cultural e paisaxístico dos Ancares. Ao igual que nas meirandes autorizacións da Xunta, é obxecto de fragmentación artificial, neste caso, entre o propio proxecto e a súa liña de evacuación, artellada coa finalidade de minimizar os impactos en conxunto no procedemento de avaliación ambiental, o que podería tratarse dunha fraude de lei. Ademais, comparte infraestruturas con outros tres proxectos eólicos impulsados pola mesma promotora: Levante, Restelo e Monteiro.

Para poder contribuír a este novo desafío #TPP, ADEGA acaba de facer pública a seguinte plataforma online de crowdfunding: https://tipodesparalos.helpbysc.com/penadopico.

Espazos naturais de alto valor, en risco

O parque eólico Pena do Pico, proxectado en Baralla e Becerreá, presenta unha elevada afección ambiental. Ocupa parcialmente a zona tampón da Reserva da Biosfera «Terras do Miño» e a súa Liña de Alta Tensión atravesa outras dúas Reservas da Biosfera. O parque afecta tamén espazos naturais de alto valor, como o LIC Miño-Neira, e atópase a escasa distancia de zonas clave da Rede Natura 2000 como as ZEC Cruzul-Agüeira e Ancares-Courel. Esta localización incumpre claramente os obxectivos das Estratexias de Biodiversidade e de Conectividade Ecolóxica da Unión Europea.

O impacto sobre hábitats e especies protexidas é igualmente alarmante. O proxecto non contempla adecuadamente a presenza de, cando menos, tres hábitats prioritarios de interese comunitario: os bosques aluviais de ameneiros e freixos, as zonas subestépicas de gramíneas e anuais e os queirogais húmidos atlánticos. Ademais, afecta gravemente especies en perigo de extinción como o millafre real, a aguia real ou o fento Lycopodiella inundata, así como a outras especies ameazadas como a tartaraña cincenta e a gatafornela. Estes impactos, alerta ADEGA, non están debidamente avaliados no Estudo de Impacto Ambiental. 

A organización asenta tamén as súas argumentacións nos prexuízos sobre o patrimonio cultural e paisaxístico. O parque sitúase en plena área de montaña dos Ancares, cunha paisaxe de alto valor identitario que se vería alterada por aeroxeradores de até 180 metros de altura, visibles desde máis de 30 km e mesmo desde o Camiño de Santiago, a tan só 200 metros dunha área de especial interese paisaxístico e a escasa distancia de núcleos habitados. Así mesmo, a zona forma parte do territorio Starlight dos Ancares Lucenses, recoñecido pola calidade dos seus ceos nocturnos, que se vería comprometida polo incremento da contaminación lumínica. Tamén se verían afectados elementos patrimoniais como o Mosteiro de Penamaior, a Ermida de San Lourenzo, Pena da Cruz e a vía Küning, que non foi considerada no EIA.

Chamada á acción

ADEGA fai un chamamento á cidadanía a apoiar a causa a través da campaña #TiPodesParalos para evitar a construción deste proxecto eólico lesivo para o patrimonio natural e cultural dos Ancares. Todas as doazóns realizadas desgravarán ata un 80% en Facenda. A primeira fase da recadación terá unha duración dun mes desde este martes, 17 de xuño, e nela será preciso acadar un mínimo de 3.600 euros, que serán destinados a presentar recurso de alzada e elaborar o informe técnico ambiental. Xa nunha segunda fase, de 2 meses de duración, ADEGA procurará reunir o importe restante, 3.700 euros, para interpoñer recurso contencioso-administrativo e solicitar a paralización cautelar.

Ata o de agora, esta iniciativa permitiu á organización recorrer nos tribunais unha trintena de proxectos eólicos ao longo de todo o territorio galego, a meirande parte freados cautelarmente no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. O proxecto Pena do Pico tamén estamos a tempo de paralo!



Comparte éste artículo
No hay comentarios