Autobán reflexiona sobre o ‘Panorama do Fanzine Galego’ nunha xornada con profesionais como Emma Ríos, Luis Yang, Yupiyeyo e Gemma Pérez Feijoó

A Biblioteca de Estudos Locais da Coruña acollerá este mércores 18 de xuño, de 17.30 a 20.30h, unha nova proposta impulsada por Autobán, que analizará e poñerá en valor a autoedición desde diferentes prismas e accións da man de grandes profesionais do sector.

A Biblioteca de Estudos Locais da Coruña acollerá mañá mércores, en xornada de tarde, de 17.30 a 20.30 horas, unha nova proposta impulsada por Autobán, coa colaboración do Concello da Coruña, que analizará e poñerá en valor a autoedición desde diferentes prismas e accións e da man de grandes profesionais do sector, como Emma Ríos, Luis Yang, Gemma Pérez Feijoó e “Yupiyeyo”, entre outras figuras galegas do universo do fanzine. En palabras de Autobán, con esta actividade “queremos celebrar a nosa constante colaboración coas bibliotecas da cidade, en especial, coa Biblioteca de Estudos Locais, que fai un traballo enorme apoiándonos no Premio Autobán –que neste 2025 celebra a súa segunda edición– e desenvolve unha actividade fundamental: a creación da Fanzinoteca Municipal”.

Desde xeito, nesta xornada titulada ‘Panorama do Fanzine Galego’, que se celebrará mañá mércores, 18 de xuño, o público poderá asistir, de balde, a tres actividades nunha mesma tarde: a presentación das obras gañadoras do Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024, cos autores Luis Yang e Gemma Pérez; a presentación e a visita á Fanzinoteca da BMEL, que recolle na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña exemplares representativos da creatividade galega e coruñesa; e un faladoiro sobre autoedición na Coruña, da man de relevantes fanzineiras e fanzineiros de orixe galego e de diferentes xeracións e proxeccións.

PROGRAMA DA XORNADA ‘PANORAMA DO FANZINE GALEGO

Mércores 18 de xuño, 17.30 horas
Presentación das obras gañadoras do Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024
Luis Yang presentará “Sunny 16”, obra galardoada co I Premio Autobán; e Gemma Pérez, que acadou un accésit no mesmo certame, ensinará o seu fanzine “Mi nick era #humeda”. Introducirán a charla Emma Ríos e María Álvarez “Yupiyeyo”.

Mércores 18 de xuño, 18.30 horas
Visita e presentación da Fanzinoteca da BMEL
Coñeceredes de primeira man o apartado de fanzines da Biblioteca de Estudos Locais, con exemplares representativos da creatividade galega e coruñesa.

Mércores 18 de xuño, 19.00 horas
Faladoiro sobre autoedición na Coruña
Mesa redonda que tratará a autoedición na cidade desde diversas ópticas, contando coas experiencias de fanzineiras de distintas xeracións e con diferente procedencia e proxección. Participan María Álvarez “Yupiyeyo”, Gemma Pérez, Emma Ríos e Luis Yang, e modera Sira González.

PARTICIPANTES NA XORNADA ‘PANORAMA DO FANZINE GALEGO

Emma Ríos (Vilagarcía de Arousa, 1976) é unha autora que se forma a medio camiño entre a arquitectura e a autoedición ata que consegue dedicarse profesionalmente á historieta en 2007. Realizou traballos de encarga para varias editoriais americanas, destacando Marvel Entertainment, onde traballa regularmente durante catro anos ata que consegue volver ao cómic de autor en 2014 da man de Image e en colaboración con Kelly Sue DeConnick con Bella Muerte (Astiberri, 2014 e 2016), cómic polo que é nomeada en dúas categorías dos premios Eisner ese mesmo ano: como mellor portadista e como mellor artista de interiores. Actualmente, traballa no cuarto volume desta serie, pola que finalmente foi premiada nos Eisner como mellor portadista en 2020. Tamén é autora de I.D. (Astiberri, 2016), coedita a revista Island con Brandon Graham e cocrea Mirror (Astiberri, 2017) con Hwei Lim. Anzuelo (Astiberri, 2025) é a súa última obra como autora completa.

Gemma Pérez Feijóo naceu entre módems de 56k, deseños de pósters de orquestra e viseiras para facer a vendima. É deseñadora gráfica de día, ilustradora de noite, e bollera de fanzine sempre. Tras anos dirixindo proxectos para empresas privadas e institucións públicas, decidiu abrir ben os ollos —seis, para ser exactas— e fundar xunto con outras compañeiras bolleras Muller de 6 ollos, un espazo colectivo onde crear dende o transfeminismo, o rural e o afecto.

O seu estilo caracterízase por un enfoque intimista e costumista, atravesado pola ironía e sempre desde o humor como ferramentas para mirar o cotián desde unha óptica #queer #cuir. Desenvolve un universo visual que se move entre o íntimo e o político, o festivo e o queer, o artesanal e o pixelado. Cree no humor como linguaxe gráfica e nos fanzines como pequenos sismos editoriais. Nos seus comezos foi premiada no certame de novos creadores GZcrea e no OUFF e, máis recentemente, en festivais como o Autobán. E segue debuxando entre reunións, asembleas, pantallas e amigas.

Luis Yang (Madrid, 1993) é ilustrador e animador. Foi un dos impulsores do fanzine Nimio, gañador do premio ao mellor fanzine en Comic Barcelona 2016. Colaborou cos seus cómics en publicacións como Hoodoo Voodoo, š!, doko boko, Fenómena e Ex Mag, entre outros. En 2020 dirixiu e animou o videoclip musical When I Grow Up, da cantante estadounidense Yaeji, para a discográfica XL Records. En 2022 uniuse á guionista Uxía Larrosa para crear O bico da Serea, que recibiu o Premio Castelao e, posteriormente, en 2024, foi editado en castelán por Ediciones La Cúpula como El beso de la sirena. Actualmente, autoedita o fanzine Amorcito, nomeado a mellor fanzine en Cómic Barcelona. No ano 2024 foi galardoado co I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego.

Nacida en Lugo en 1982, María Álvarez Hortas, artisticamente coñecida como “Yupiyeyo”, é Ilustradora, deseñadora e realizadora afincada na Coruña. É cofundadora do colectivo Miñoco e do fanzine Compota de Manatí. Desenvolve proxectos de ilustración editorial e cómic, ademais de obradoiros, cursos e actividades relacionadas co debuxo e a banda deseñada.

Estudou na EASD Pablo Picasso da Coruña. En solitario, publicou tres volumes do fanzine autobiográfico ¿Hay alguien ahí? e realizou o proxecto didáctico sobre violencia machista na adolescencia Game Over. Participou, tamén, na antoloxía de cómics O puño e a letra, sobre poemas de Yolanda Castaño, e na mostra Desde Coruña con humor.

Sira González é Licenciada en Documentación e ten un Máster en Bibliotecas Escolares. Leva desempeñando a súa labor bibliotecaria na Biblioteca Municipal de Os Rosales da Coruña desde o ano 2009. Coordinadora de clubs de lectura e responsable da comicteca, nos últimos anos imparte formacións sobre a colección de cómic en centros escolares e a súa promoción entre o público lector. O seu obxectivo é dobre: romper prexuizos con respecto ao medio e achegar a súa lectura a todos os tramos de idade, de 0 a 100 anos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios