As Pontes acolle a II Carreira Greenpower Galicia, unha competición de vehículos eléctricos con apoio da Deputación da Coruña

O circuíto de karting de As Pontes foi este mércores o escenario da II Carreira Greenpower Galicia, unha iniciativa educativa e tecnolóxica que reúne a estudantes de Galicia e Asturias arredor dun reto común: construír e pilotar vehículos eléctricos sostibles.

A competición conta co apoio da Deputación da Coruña e o Concello das Pontes e está organizada pola Universidade da Coruña a través da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).

O presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, foi o encargado de inaugurar a carreira xunto co director da Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol, Vicente Díaz Casás, e o concelleiro de Ferrol, Arán López.

A carreira forma parte do proxecto Greenpower Iberia-Bridgestone, unha iniciativa internacional que busca fomentar as vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) entre o alumnado, a través da aprendizaxe baseada en proxectos e o traballo en equipo.

Nesta segunda edición, competiron dez equipos procedentes de distintos centros educativos de Galicia e Asturias, nas categorías F24 (de 11 a 16 anos) e F24+ (ata 25 anos). A participación está aberta a alumnado de ESO, Bacharelato, Formación Profesional e Universidade.

Listaxe de equipos participantes na II Carreira Greenpower Galicia

EquipoNomeCategoríaCentro
1CidercarNavaF24
F24+
IES Peñamayor (Nava, Asturias)
2Kastro Sport TeamsF24+IES Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña)
3EPEF Racing TeamF24+Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol EPEF – Universidade da Coruña UDC (Ferrol, A Coruña)
4EPEF Racing Team IIF24+Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol EPEF – Universidade da Coruña UDC (Ferrol, A Coruña)
5KartlongaF24+IES Vilalonga (Sanxenxo, Pontevedra)
6Abrente GpF24+IES O Ribeiro (Ribadavia, Ourense)
7AUTOMOCIÓN FERROLTERRAF24+CIFP Ferrolterra (Ferrol, A Coruña)
8TT Racing NarónF24
F24+
IES As Telleiras (Narón, A Coruña) + IES Terra de Trasancos (Narón, A Coruña)
9IES Concepción ArenalF24IES Concepción Arenal (Ferrol, A Coruña)
10ViVeiRo KRt & CoF24+IES María Sarmiento (Viveiro, Lugo)

A competición non busca a velocidade máxima, senón a eficiencia enerxética: os vehículos deben percorrer a maior distancia posible cunha soa batería eléctrica, durante probas que van dos 60 aos 90 minutos, con relevos obrigatorios de pilotos. Un desafío tecnolóxico que pon en valor a innovación, a sustentabilidade e o traballo en equipo.

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, participou na inauguración do evento e destacou a importancia deste tipo de iniciativas para «achegar a ciencia, a tecnoloxía e a innovación á mocidade dun xeito práctico e motivador, implicando ao alumnado nun reto real que conecta con grandes desafíos do presente, como a mobilidade sostible».

Formoso destacou o valor que ten que os alumnos e alumnas deseñen, monten e poñan en funcionamento os seus propios vehículos eléctricos desde cero, partindo dun kit base que deben adaptar, optimizar e personalizar. «O que vemos hoxe é foito de moito talento e de longos meses de traballo no que o alumnado enfronta retos técnicos e de enxeñaría, toma decisións sobre aerodinámica, transmisión ou consumo enerxético…Un verdadeiro exemplo de innovación, aprendizaxe e traballo en equipo», afirmou o presidente da Deputación, que subliñou tamén «o escenario ideal para esta competición» que representa o circuíto de karting das Pontes.

A carreira desenvolverase ao longo de toda a xornada, con entrada libre para o público, nun ambiente festivo que busca tamén achegar á cidadanía o mundo da enxeñaría, a electromobilidade e a educación ambiental.

Ademáis da Deputación da Coruña e o Concello das Pontes, a iniciativa conta coa colaboración dos concellos da Coruña e Ferrol, da Real Federación Española de Automobilismo, Greenpower Iberia-Bridgestone, e de empresas e entidades como o Grupo Intaf, Renault Caetano Fórmula Galicia, Carpintería Madesa ou Gadis.

Foto portada. O presidente da Deputación probou o vehículo construído polo alumando do IES Castro de Uz das Pontes

Comparte éste artículo
No hay comentarios