A eurodeputada do BNG denuncia os prexuízos que sofren os galegos e galegas polo cobro indebido de maletas
No debate do Parlamento Europeo denominado “Últimos avances na revisión dos Regulamentos sobre os dereitos dos pasaxeiros aéreos e sobre a responsabilidade das compañías aéreas”, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu os dereitos das pasaxeiras e dos pasaxeiros fronte ao lobby que exercen as aeroliñas e criticou que xa hai 10 anos que o Tribunal Europeo ditaminou que cobrar pola maleta de man é ilegal.
“Cantas veces nos chegaron a Comisión de Peticións deste Parlamento queixas dos pasaxeiros e as pasaxeiras por retrasos, por cobros de maletas, e por retrasos nas compensacións”, manifestou a eurodeputada galega na súa intervención, quen fixo referencia ás consideracións do eurodeputado Vicent Marzá, quen sinalou que o Consello chega a un acordo, pero non para protexer ou ampliar os dereitos dos pasaxeiros, senón para reducilos.
Ademais de poñer enriba da mesa que o Tribunal Europeo ditaminou hai xa 10 anos que o cobro pola maleta de man é ilegal e séguese cobrando, Ana Miranda tamén denunciou a pretensión dos Estados Membros da UE (Consello) de que os pasaxeiros e pasaxeiras teñan que sufrir un retraso de catro horas no seu voo para ter dereito a unha compensación, así como os retrasos habituais para cobrar esas compensacións.
Regulamento
“Agora que temos a oportunidade de acelerar as melloras para os consumidores, o Consello mete o freo ao Parlamento Europeo”, sinala a eurodeputada do Bloque, quen explica que a lexislación vixente prevé 250 euros aos pasaxeiros se o voo incorre nun atraso de 3 horas ou máis ao percorrer unha distancia de 1.500 quilómetros; 400 euros se o traxecto é de entre 1.500 e 3.500 quilómetros; e 600 euros para voos máis longos.
Porén, a proposta no novo regulamento contempla 4 horas para poder solicitar unha indemnización de 300 euros nos voos de ata 3.500 quilómetros e 500 euros naqueles que superen esa distancia e cheguen 6 horas tarde.
“Estes temas tocan a miles de persoas en Galiza, en toda Europa”, manifesta Ana Miranda quen critica que as compañías aéreas actúan con impunidade, “non só enganan á xente, senón que nos quitan voos, como pasa por exemplo en Galiza, e hai unha constante falta de información”.
Segundo subliña a eurodeputada do BNG, “non pode ser que dominen as decisións europeas as grandes aeroliñas e os seus consellos directivos e que non se teña en conta a voz de tantas pasaxeiras e pasaxeiros”, polo que expresa a súa total disposición a seguir defendendo nas institucións europeas os dereitos das persoas fronte aos abusos das compañías aéreas.