Valentín García pon en valor as achegas lingüísticas de Galicia ao proxecto ‘Atlas Linguistique Roman’

A XXV edición do Simposio Internacional celébrase hoxe e mañá en Santiago de Compostela e reúne a investigadores de diversos territorios románicos.

O secretario xeral da lingua, Valentín García, inaugurou hoxe o XXV Simposio Internacional do Atlas Linguistique Roman, unha cita que Santiago de Compostela acolle por cuarta vez, e que terá lugar hoxe e mañá nas instalacións do Centro Ramón Piñeiro e a Facultade de Filoloxía. Trátase dunha iniciativa que reúne a investigadores de diversos territorios románicos participantes neste atlas interpretativo composto por mapas e monografías que mostran a diversidade lingüística das distintas zonas territoriais.

O congreso, organizado nesta edición polo Centro Ramón Piñeiro, o Instituto Galego da Lingua da Universidade de Santiago de Compostela e o Comité de dirección do Atlas Linguistique Roman, ten como finalidade a exposición das propostas dos redactores románicos para seren avaliadas polos distintos comités nacionais, entre os que se atopa o galego, así como tamén a resolución de problemas que se presentan no proceso de realización da obra e para examinar, unificar e actualizar a metodoloxía de traballo. Ademais, os simposios serven tamén para coñecer os traballos máis relevantes do territorio no que se celebran.

O traballo galego para o mundo

No marco da presentación do congreso, Valentín García puxo o foco no proxecto de Atlas Lingüístico Galego en Liña, un traballo que o mundo románico coñecerá neste congreso e que moi pronto se abrirá para a consulta de todos os especialistas e interesados xerais.

Xulio Sousa é o encargado de presentar esta proposta, a primeira desta vixésimo quinta edición e que dá paso a outras intervencións que van desde a actualización da toponimia, o proceso de elaboración cartográfica e ata unha proposta de clasificación das motivacións.

A cita remata mañá venres cunha sesión interna para os investigadores do Altas Linguistique Roman e unha visita cultural ao Museo do Pobo Galego para facer gala da cidade e da comunidade autónoma arredor de todo o territorio románico.

Comparte éste artículo
No hay comentarios