Os equipos sub-22 pechan a temporada do Santo Domingo Betanzos

Fin de temporada para o club Santo Domingo Betanzos. Atrás quedan case nove meses de baloncesto, no que se competiu nas sete categorías con dezanove equipos inscritos, e por diante queda todo un verán para engraxar motores e preparar con todas as garantías a temporada 25/26. Os últimos en xogar os seus partidos, despois de que os infantís de J. Caamaño Arquitecto e os mini 3×3 pechasen a fin de semana pasada a súa andaina, son os equipos sub-22 do Club, masculino e feminino, que en dobre xornada visitarán Cee e Compostela, respectivamente, no que supón a finalización desta tradicional competición de fin de primavera.

O conxunto masculino, dirixido por José Amando “Soviético” e Alberto Caamaño “Jimbo”, xogará o venres ás 21h fronte a Costa da Morte, mentres que o feminino de José Espiñeira e Lalo Golpe rematarán a competición na pista do Rosalía de Castro, en Compostela, medíndose ás anfitrioas e ao Culleredo durante a xornada do sábado.

Todo preparado para o campus de verán (cun ollo en Melilla)

Porén, as temporadas non rematan para o Club Santo Domingo Betanzos ata que remata o seu campus de verán. O evento, apadriñado polo xogador ACB Tyson Pérez, formado no club, celébrase do 23 ao 28 de xuño e este ano ten como aliciente, na súa xornada de clausura, a cerimonia oficial de cambio de denominación do pavillón municipal de Betanzos que, por decisión unánime dos grupos do Pleno Municipal, como se sabe, leva o nome do expresidente do Club José María Valeiro Iglesias, “Tocayo”, falecido o pasado verán. A actividade está dirixida a rapaces nados entre 2007 e 2019 e alternará o baloncesto con actividades lúdicas coma a tradicional visita ao Aquapark de Cerceda.

Antes desas datas, con todo, a atención dos seareiros do Santo vai estar en Melilla, no campionato de España de seleccións 3×3 U-15, onde o cadete do club Arón Espiñeira xoga con Galicia esta fin de semana.

Comparte éste artículo
No hay comentarios