81 grupos de distintos centros utilizaron o bus para acudir a distintas actividades, como a formación vial no Parque Infantil de Tráfico ou as distintas salas museísticas.
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, fixo balance da iniciativa posta en marcha pola área de Mobilidade para promover o transporte público entre os nenos e nenas de idade escolar, coa que o Goberno de Lugo busca «que as estudantes coñezan o funcionamento do bus urbano e aposten por este medio á hora de desprazarse pola cidade», indicou Rubén Arroxo.
O Goberno de Lugo facilitou que, de xeito gratuíto, un total de 2207 escolares de Lugo viaxaran en bus urbano para realizar distintas actividades, como as formacións en seguridade viaria impartidas no Parque Infantil de Tráfico, visitas ás salas museísticas municipais ou visitas á biblioteca pública. «Os centros puideron solicitar realizar os seus desprazamentos pola cidade en bus urbano, promovendo así este medio de transporte», destacou Arroxo.
«Queremos que a xente aposte polo bus urbano porque reducindo tráfico na cidade avanzamos nunha cidade sostible cunha mobilidade alternativa e ecolóxica», declarou Arroxo, que engadiu «con esta medida facilitamos que as nenas e nenos coñezan e utilicen o bus urbano como medio de transporte habitual».
Rubén Arroxo destacou o crecemento de usuarios no transporte público en Lugo, que vén de acadar o mellor rexistro histórico de viaxeiros no mes de maio, con máis de 206.000 billetes expedidos e consolidando o bus urbano como o principal medio de desprazamento para a maior parte da veciñanza de Lugo.