O campus de verán dá remate á temporada do Santo Domingo Betanzos

Agora si. Despois de nove meses de competición, a temporada 24/25 do Club Santo Domingo Betanzos chega á súa fin. Foi unha temporada dura, marcada pola ausencia de José María Valeiro “Tocayo”, o seu hoxe presidente de honra, tristemente falecido a finais de xullo, pero a nova directiva betanceira, encabezada por José Espiñeira, logrou sacar adiante o ano cun balanzo netamente positivo, tanto no ámbito deportivo coma no “societario”. Permanencia en Terceira FEB do primeiro equipo sénior, ascenso de La Goleta á Segunda División FGB (compensando o descenso operado polo equipo filial), subcampionato de copa dos Júnior de Segunda División, bronce dos infantís de Primeira Divisón en liga e prata en Copa, participación dos cadetes na fase de ascenso de inverno e prata na Copa Premium, bronce do minibasket feminino na Segunda División… Os últimos en xogar foron os equipos sub-22, masculino e feminino, que, como se sabe, nutriron as súas filas de novas promesas do club e xogadoras júnior de primeiro ano, e que, malia o dispar dos resultados, lograron representar con dignidade o club betanceiro na última competición FGB da temporada.

Como ben coñecen os amantes do baloncesto da bisbarra, só resta un “último baile”, ese fin de festa que clausura unha temporada e dá inicio a unha nova: o campus Santo Domingo Betanzos, que nesta XV edición, volve contar co apadriñamento do xogador ACB Tyson Pérez, orgullo da canteira betanceira. O evento arranca o luns 23 e remata o sábado 28, data na que o pavillón municipal estreará o seu novo nome en honra do expresidente do club: “Pavillón Municipal José María Valeiro Iglesias Tocayo”.

O cadete Arón Espiñeira consegue con Galicia o subcampionato de España 3×3 U15

Fóra do anterior, a alegría da fin de semana chegou de Melilla, onde o xogador do Grelo Santo Domingo Betanzos, Arón Espiñeira, conseguiu a medalla de prata do campionato de España 3×3 U15 de seleccións autonómicas, nun excelente torneo con Galicia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios