Ana Miranda reclama en Bruxelas a exclusión do palangre do regulamento que prohibe a pesca de fondo

A eurodeputada do BNG denuncia que a Comisión Europea non entende as consecuencias para Galiza da prohibición de pesca en 87 caladoiros

 Na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, expresou a preocupación no sector pesqueiro galego pola desestimación dos recursos presentados contra a designación por parte da Comisión Europea de 87 zonas de pesca de augas profundas nas que se prohibe a pesca de fondo. Así, Miranda reclamou a modificación do regulamento que prohibe a pesca de fondo e a exclusión do palangre.

“As sentenzas deben cumprirse, si, pero non debemos mostrar nin alegría nin tristeza. Debemos considerar as súas consecuencias: as súas consecuencias políticas, económicas, sociais e ambientais”, manifestou a eurodeputada galega, quen considerou que “está claro que a Comisión non entende as consecuencias para o meu país, a miña nación pesqueira, Galiza, xa que esta decisión prohibe a pesca de fondo en 87 caladoiros”, e denuncia que no caso de Galiza, a alta dependencia da pesca supón un novo golpe para o sector.

Ana Miranda fixo referencia “aos datos concretos dos portos máis afectados, Celeiro e Burela”, nos que a prohibición, entre outros, afecta a case o 80% da pesca de palangre en Galiza. Ademais, existe unha gran preocupación no sector por esta decisión, que afecta a 200 buques de titularidade galega, 900 indirectamente, e a máis de 4.000 tripulantes, así como polas consecuencias que ten en terra. “En política, como en todo, debemos ser realistas, realistas ao ver como nos afectan as decisións e os ditames”, manifestou.

Consecuencias no emprego

A eurodeputada galega afirmou que “para Galiza, a pesca é vital”. Ao respecto salientou as consecuencias que estas decisións teñen no eido laboral, xa que o sector pesqueiro representa case o 6% do PIB da economía, con máis de 4.000 tripulantes afectados, especialmente nos portos de Vigo, de Ribeira, da Coruña e de Celeiro. “Cremos que é correcto garantir a protección dos ecosistemas e a explotación sostible dos recursos biolóxicos mariños, por suposto, con máis investigación científica, con máis investigación social. Pero que pasa co futuro do noso sector, que é tan importante nunha nación altamente dependente da pesca?”, sinalou na súa intervención, ao tempo que criticou que Galiza nin sequera está designada como nación dependente da pesca porque a propia comisión non acepta os criterios que sería necesario ter en conta. “Non vemos este equilibrio entre a explotación sostible dos recursos mariños e o futuro dun sector tan importante como a pesca. E en definitiva, señora Presidenta, interésanos preservar os recursos, e tamén preservar os empregos”, concluíu.

Por outro lado, no debate da Comisión de Pesca sobre o “Papel das normas sociais, económicas e medioambientais á hora de garantir unha competencia leal para todos os produtos alimenticios de orixe acuática e mellorar a seguridade alimentaria”, Ana Miranda subliñou a necesidade de que se inclúa as prácticas de pesca que existen nos diferentes territorios pesqueiros, “porque o que non se nomea non existe”. Tamén puxo de releve a existencia de selos de calidade moi importantes nos diferentes territorios, de forma que o etiquetado dos produtos pode ser un mecanismo eficaz contra a competencia desleal.

Comparte éste artículo
No hay comentarios