“Esta esixencia é máis necesaria ca nunca despois de que o alcalde socialista de Lugo non lograra ningún acordo concreto na reunión que mantivo a pasada semana co presidente de Renfe, Álvaro Fernández”, segundo De Olano.
Os deputados do PP lucense no Congreso esixen ao Goberno de Sánchez “rectificar” as medidas adoptadas dende o 9 de xuño que supoñen a perda dunha conexión entre Lugo e Madrid e que o primeiro tren á capital de España non chegue ata despois das dúas do mediodía.
“Esta esixencia é máis necesaria ca nunca despois de que o alcalde de Lugo, o socialista Miguel Fernández, non lograra ningún acordo concreto para a mellora de frecuencias ou horarios dos servizos ferroviarios de Lugo na reunión que mantivo a pasada semana co presidente de Renfe, Álvaro Fernández”, segundo valora o deputado Jaime De Olano.
Os representantes no Congreso polas provincias afectadas pola eliminación de servizos e parados do AVE mantiveron recentemente unha reunión para unir forzas na que anunciaron iniciativas parlamentarias para rectificar unha decisión que consideran “inxusta e irracional”.
Os populares reclaman así dende o Congreso a reposición dos servizos ferroviarios existentes ata o pasado 9 de xuño, en especial aqueles que permitían conexións con Madrid en horarios razoables para os usuarios.
O deputado lucense, Jaime De Olano, considera que “a supresión das conexións entre Lugo e Madrid é un novo agravio para a provincia, que queda descolgada da alta velocidade”. Así, lembra que “sen a execución das variantes de Os Peares-Canabal e Rubián, previstas polo Goberno do Partido Popular e descartadas polo Goberno de Sánchez, Lugo non disporá dunha conexión de alta velocidade real”.
Desde o Grupo Popular no Congreso aseguran que seguirán reclamando, por todas as vías posibles, “un trato xusto e unhas infraestruturas ferroviarias dignas para as provincias afectadas”.
Os deputados populares tamén esixirán explicacións ante as posibles mordidas na contratación de obras na liña entre Monforte e Lugo. De Olano explica que “esta é unha das recollidas no informe da UCO consecuencia do caso de corrupción que afecta ao PSOE e ao Goberno de Pedro Sánchez”.