O pasado 15 de xuño celebráronse as eleccións ao equipo directivo do Colexio Profesional de Terapeutas Ocupacionais de Galicia (COTOGA), un fito fundamental para garantir a continuidade e o impulso da nosa profesión na comunidade. A renovación da directiva representa unha oportunidade para incorporar novas ideas, enerxías e proxectos que fortalecerán o papel da terapia ocupacional en Galicia.
A nova Xunta Directiva está composta por: Presidenta Mercedes Seoane Bouzas, Vicepresidenta Sabela Gómez Villar, Secretaria Andrea Caiña dos Santos, Tesoureira Raquel García López e como Vogal de Emprego Sofía Puente Saavedra. Cada unha delas aporta experiencia e compromiso, o que reflicte o firme propósito de seguir defendendo os dereitos e intereses dos terapeutas ocupacionais en Galicia.
Esta continuidade e renovación son vitais para seguir avanzando, adaptándose as novas necesidades poboacionais e profesionais, tanto en formación coma na visibilidade da terapia ocupacional, elementos imprescindibles para garantir o seu recoñecemento e influencia no ámbito galego.
O papel e a importancia da colexiación como mecanismo de defensa, representación e fortalecemento da profesión, é tamén unha ferramenta fundamental para garantir a calidade, a ética e o desenvolvemento da mesma. Asemade, a existencia dun equipo directivo activo e comprometido facilita a colaboración con outras entidades e administracións públicas e privadas, permitindo avanzar en proxectos que melloran os servizos e a calidade de vida das persoas atendidas por terapeutas ocupacionais.
Esta nova etapa en COTOGA simboliza un paso firme cara ao futuro, onde a terapia ocupacional en Galicia seguirá crecendo como unha disciplina esencial, amparada por un colectivo profesional con visión de futuro.