“Dado que se trata dun asunto de enorme sensibilidade para a poboación e de posible afectación directa á calidade ambiental do medio mariño, a seguridade alimentaria e a saúde pública, é imprescindible coñecer que información oficial se posúe ao respecto”, argumentan os populares.
Os deputados do PPdeG no Congreso piden explicacións ao Goberno central ao respecto do milleiro de bidóns con material radioactivo que, tal e como se puido coñecer nos últimos días, unha expedición científica francesa vén de localizar en augas profundas fronte á costa galega.
Fano a través dunha serie de preguntas dirixidas aos ministerios de Ciencia, Asuntos Exteriores e Transición Ecolóxica nas que argumentan que resulta imprescindible coñecer que información oficial posúe o Goberno de España sobre este achado “dado que se trata dun asunto de enorme sensibilidade para a poboación e de posible afectación directa á calidade ambiental do medio mariño, a seguridade alimentaria (pola súa relación coa actividade pesqueira) e a saúde pública”.
Os parlamentarios populares pregúntanse se o Consello de Seguridade Nuclear, en calidade de organismo estatal responsable da seguridade radiolóxica e a protección fronte ás radiacións ionizantes, foi consultado sobre este asunto. Así mesmo, consideran necesario coñecer se o Goberno ten solicitado datos técnicos adicionais, coordinado coas autoridades francesas, ou activado algún protocolo de seguimento, verificación ou prevención ante este posible vertido histórico.
“Necesitamos saber que coñecemento e grao de implicación tiña o Goberno desta investigación francesa, que repercusións pode ter e que medidas se teñen adoptado para facer un control sobre os resultados que se obteñan da mesma”, explica a deputada Rosa Quintana agardando “unha resposta rápida, contundente e precisa que tranquilice a toda a poboación galega”.
Como portavoz tamén de Pesca do Grupo Popular no Congreso, a parlamentaria galega pon de manifesto así mesmo a súa “sorpresa” logo de coñecer estes feitos a través dos medios de comunicación: “Gustaríanos ter coñecido esta noticia canto menos impactante a través do Goberno de España e non por unhas entrevistas feitas a uns investigadores franceses sobre o que está sucedendo en augas españolas”.