O Tenente Alcalde de Lugo dixo na introdución «que Castelao foi unha figura xenial que levaba a Galiza no corazón e na razón»
A Libraría Trama de Lugo foi escenario da presentación do libro Castelao, desta terra e deste tempo, publicado por Tempo Galiza Editora e da autoría de Manuel Rei Romeu. No encontro, que estivo aberto ao público, conversarán sobre a obra o propio autor e o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo.
A monografía propón unha revisión completa e sen manipulacións da figura de Castelao, un dos referentes máis significativos da historia contemporánea de Galicia. Segundo explica o autor, o volume percorre de maneira cronolóxica tanto a traxectoria artística como as claves ideolóxicas do pensamento do rianxeiro, deixando claro que en Castelao non existe separación entre o creador e o político, senón unha profunda sintonía entre as dúas dimensións do seu labor.
Rei Romeu alerta de que nos últimos tempos o poder está a promover unha versión descafeinada de Castelao, reducíndoo a «artista xenial» ou a unha figura case mítica do galeguismo, agochando así o seu compromiso político nacionalista. Neste contexto, considera necesario reivindicar o Castelao verdadeiro: artista, caricaturista, escritor, pintor, pensador e dirixente político que entregou toda a súa obra e vida á causa do pobo galego.
Castelao, desta terra e deste tempo ofrece, así, unha achega rigorosa e comprometida á figura do autor de Sempre en Galiza, coa intención de poñer en valor a súa vixencia no presente e a utilidade do seu legado para continuar construíndo unha Galicia libre e soberana.