Arias informa a representantes veciñais dos barrios de Paradai e das Gándaras sobre os prazos para a renovación da rúa Serra de Meira

Explicoulles que a Xunta traballa na actualización do proxecto de mellora da vía, que se agarda ter lista no mes de xullo, e lembrou que isto non se puido facer antes polos continuos atrasos nas obras previas que debían executar o Concello de Lugo e a CHMS.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse cos presidentes das asociacións Barrio de Paradai e Gatos Roxos, do barrio das Gándaras, Christian Fernández e Jaime Gueimonde, para informalos dos prazos do proxecto para a renovación da rúa Serra de Meira, concretamente do tramo comprendido entre as rotondas de Serra de Meira e da avenida Adolfo Suárez, que se enmarca no conxunto de intervencións do Plan Paradai.

Arias explicoulles que, maila ter presuposto consignado para a mellora desta vía dende o ano 2018, a Xunta non a puido plantexar ata finais do pasado ano debido aos continuos atrasos nas obras previas que o Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil debían executar no leito do río Rato para reducir o risco de inundacións.

Con esas actuacións rematadas, a Xunta traballa agora na actualización do proxecto para a renovación de Serra de Meira e prevese que estea rematada no mes de xullo. Lembroulles que a actualización se fai atendendo ao deseño xeométrico pactado co Concello nunha xuntanza que se celebrou na Delegación Territorial o pasado mes de abril.

A proposta consensuada, e sobre a que se traballa, contempla construír os muros de contención para o ensanche da rúa fóra da zona de servidume. Mantéñense as actuais ramplas de acceso á contorna do río para peóns e ciclistas, as prazas de aparcamento con disposición en liña na marxe esquerda do vial (a oposta ao río) e as paradas de autobús nas dúas marxes.

O delegado detalloulles tamén aos representantes veciñais que, unha vez se remate a actualización do proxecto, será necesario plantexar ao Concello a sinatura dun convenio para que a Xunta poida actuar nesa vía, de titularidade municipal. Ademais, o goberno local deberá solicitar a maiores a autorización da CHMS, se ben Arias confía en que ese trámite sexa áxil tendo en conta que xa se contactou co organismo de conca antes de iniciar a actualización do proxecto.

O representante autonómico insistiu en que a Xunta segue comprometida coa execución do Plan Paradai: “fixemos a rotonda e o vial de Ponte Paradai, seguimos coa renovación de Serra de Meira e, no futuro, será o turno da Calzada das Gándaras”, concretou.

Arias aproveitou a xuntanza para agradecer tamén ás asociacións veciñais a súa “constante preocupación e implicación” nas actuacións enmarcadas neste plan importante para cidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios