A Xunta de Galicia colabora co festival TangoLiber, un evento internacional para afeccionados ao tango que se celebra en Lugo desde este xoves ata o domingo. Hoxe tivo lugar no Círculo das Artes a presentación do programa, na que participou o director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández Piñeiro.
A cita supera as 200 persoas inscritas de distintos países, entre eles Francia, Italia, Irlanda ou Portugal, e inclúe seminarios sobre a materia, clases de baile e milongas, que se alternarán no propio Círculo e no Gran Hotel. Contarán con DJ especializados, entre eles o lucense Magín López, e os mestres serán os arxentinos Marcelo Ramer e Selva Mastroti, que forman parella artística desde o ano 2001.