A Onda de Nemiña será unha das citas principais, con clases gratuítas de surf, concursos, sesión vermú, paella e concertos
Muxía Cultural presenta para o verán de 2025 o programa Muxía Itinerante. Trátase dunha pioneira programación para os meses de xullo e agosto que se desenvolverá en distitntas localizacións e recunchos da localidade. O obxectivo é descentralizar a cultura para facela máis accesible e achegala a distintos espazos e puntos da contorna. Ao longo do verán haberá roteiros, concertos, monólogos, artesanía, gastronomía, deporte e ata unha cita astronómica.
O evento principal da programación será A Onda de Nemiña o 31 de xullo. A fermosa praia de Nemiña acollerá un día enteiro de deporte e música, no que haberá clases gratuítas de surf, concursos, sesión vermú con paella e concertos. Tamén será unha data sinalada o Feirón de Senande do 4 de agosto, que este ano terá máis postos dos habituais e música en directo.
A intención de Muxía Itinerante é sacar a cultura do núcleo do Concello e levala a distintas localizacións de toda a contorna aproveitando os meses de verán, descentralizando a oferta cultural para facela máis accesible para toda a poboación.
Programación completa de Muxía Itinerante
A programación de Muxía Itinerante comezará o sábado 5 de xullo cun Roteiro polo Río Castro da man de Xan Fernández. Trátase dunha andaina circular de 10 kilómetros de distancia e de dificultade baixa. Convidamos a que cada participante leve a súa comida para xantar todas e todos xuntos ao remate do roteiro.
O domingo 6 de xullo Olga Abad levará a Muxía o seu monólogo «Arrivederci Roma». Será ás 19:30 horas na Escola Unitaria. E o sábado 12 de xullo o histórico e recoñecido grupo galego A Quenlla ofrecerá un concerto na Praza Cabo da Vila de Muxía. Será ás 22:00 horas.
O xoves 31 de xullo chegará A Onda de Nemiña. A praia de Nemiña acollerá un día enteiro de deporte e música. A programación será a seguinte:
10:30 – 11:30 -1º Clase gratuita de surf
11:45 – 12:45 – 2º Clase gratuita de surf
12:00 – Inicio do concurso de figuras de area (ata as 18:30 horas)
13:00 – 14:00 – vermú + paella
15:30 – 16:30 – Charla
16:45 – 17:45 – 3º Clase gratuita de surf
18:00 – 19:00 Concurso lúdico surf
19:30 – 20:00 Premio concurso de figuras + surf lúdico
20:30 Inicio concertos
21:00 Lorre
22:30 Fuah
O luns 4 de agosto será o Feirón de Senande con mercadiño e música. Haberá distintos postos a maiores dos que xa hai cada ano, con postos de artesanía, textís, gastronómicos e artísticos. Tamén haberá música a cargo de Brassica Rapa.
A programación de Muxía Itinerante terminará o martes 19 de agosto coa actividade O ceo desde Touriñán. A Costa da Morte alberga algúns dos espazos máis valiosos para poder gozar do ceo nocturno, como a zona do Faro Touriñán. Dende alí faremos unha actividade diferente, embaixo das estrelas. Da man de Jorge Mira aprenderemos a ver e identificar constelacións, e mesmo planetas e galaxias. Unha noite para non esquecer.
Sobre Muxía Cultural
Muxía Cultural é un proxecto do Concello de Muxía e a cooperativa cultural Horta Creativa que ten o obxectivo de consolidar unha escena cultural forte en Muxía, poñendo en valor todo o que a vila e a comarca teñen que ofrecer, e organizando eventos que combinen a tradición, a gastronomía, a contorna e o patrimonio da zona. A Festa do Congro foi oprimeiro evento da programación de Muxía Cultural a pasada Semana Santa, seguido do Maio das Letras.
Máis información actualizada sobre a programación de Muxía Cultural nas súas redes sociais: https://www.instagram.com/muxiacultural/ e https://www.facebook.com/muxiacultural