A concentración foi para protestar e mostrar o seu desacordo coa elevada lista de espera na escola infantil do concello despois da publicación da acta de baremación que deixa a sete nenos fóra das prazas da escola.
“Estamos preocupados pola situación, consideramos a Escola Infantil un servizo esencial para a conciliación familiar e tamén para a primeira toma de contacto dos nenos co sistema educativo, algo que se nos está privando de facer no noso pobo”
Hoxe publicouse a lista definitiva, sen variacións da lista provisional, e na que non foron atendidas as alegacións presentadas nas que, sobre todo, instaban ó Concello a aumentar as aulas ou proceder a outro agrupamento para dar cabida a todas as solicitudes.
“Sentimos que non se buscaron solucións ó problema, e agora temos que acudir ós concellos limítrofes que parece que sí as teñen” Ademais, as familias critican que non foron recibidos pola alcaldía a pesar de solicitar unha xuntanza por escrito que non foi contestada.
“Parece que non interesou recibirnos e buscar unha solución polo que estamos decepcionados, a estas alturas, no mes de Xullo xa é misión imposible buscar noutras escolas cercanas unha plaza se non foi solicitada anteriormente, algo que complica a vida laboral dalgún de nós porque non temos con quen deixar ós nosos fillos”
Lamentan tamén que apostaron no seu momento por establecerse en Monterroso ante a presenza de servizos que agora ven mermados.