Xa sabemos o conto. Xa sabemos como vai o xogo en Madrid. Gobernos estatais que cambian de cor, presidentes que se erguen e caen, pactos que se fan ás agachadas mentres nos venden que é polo “ben de España”. E, nese xogo, os vascos e os cataláns xogan como adultos. Entenden o que hai que facer para que a súa voz pese. Para que Madrid lles tema. Para que, se non lles dan o que piden, se paralice o país enteiro.
E aquí, en Galicia, seguimos a durmir. Seguimos a vivir co conto de que “somos galegos”, de que “Feijóo é galego”, de que “o señor Rajoy tamén era galego”. E que carallo importa iso? De que nos serviu ter presidentes galegos en Madrid? A día de hoxe, seguimos sen AVE completo. Seguimos sen corredores de mercadorías como Deus manda. Seguimos pagando impostos coma parvos mentres Euskadi ten concerto económico e Cataluña rabuña privilexios fiscais e investimentos a golpe de chantaxe parlamentario.
Porque esa é a palabra: chantaxe. E funciona. Funciona sempre. Funciona con gobernos de dereitas e de esquerdas. Funciona porque Madrid ten medo a que se lle rompa o invento. E aquí, en Galicia, non nos entra na cabeza. Nin á dereita, nin á esquerda. Non o entendemos ou non o queremos entender.
Os vascos e os cataláns aprenderon hai décadas que a única maneira de existir é ter un grupo político propio, nacido na súa terra, que sexa chave en Madrid. O PNV faino á perfección. ERC ou Junts tamén. Poderase estar de acordo ou non coas súas ideas, pero hai que quitar o chapeu pola súa intelixencia política. Galicia, mentres, segue a votar sumisa a partidos estatais que non teñen máis patria ca Moncloa.
Se algún día en Galicia entendésemos que un Partido Galeguista, o BNG —ou quen sexa— é a chave para que se nos escoite en Madrid, outro galo cantaría. Non vai ser porque Feijóo sexa galego ou porque Rajoy fose galego que imos ter máis peso. Nunca nada vai ter tanto poder coma un partido político galego capaz de controlar a balanza no Congreso.
Os datos están aí: os vascos teñen privilexios fiscais, infraestruturas, investimentos. Os cataláns levan décadas sacando millóns de Madrid, mesmo cando berrean independencia. E nós, aquí, aplaudindo bandeiriñas españolas ou galegas, coma se iso nos dese de comer.
É duro dicilo, pero ou Galicia esperta ou Galicia morre no silencio. Non hai máis. Madrid só entende unha lingua: a dos votos que precisan para gobernar. E Galicia, se non quere seguir sendo a periferia esquecida, terá que falar nesa lingua. Sen medo. Sen complexos. Sen andarse con romanticismos baratos.
Ou somos chave ou seremos sempre peóns. E os peóns, neste taboleiro, sempre acaban fóra.